O cuarto Ciberencontro Concello de Mugardos celebrarase entre o 21 e o 23 de setembro

luns, 27 de agosto do 2007 Fernando Sarasketa

Porto de Mugardos, visto no caderno en Flickr de <a href="http://www.flickr.com/photos/35906222@N00/">FranGB</a>A Comunidade Linux O Zulo vén de anunciar a organización da cuarta convocatoria do Ciberencontro Concello de Mugardos–Kernel 2007, na Casa da Cultura da dita localidade entre os días 21 e 23 de setembro. A xuntanza promete ser interesante, tanto para os usuarios de software libre como para todas aquelas persoas afeitas ó uso dos programas pechados pero que non descarten pasarse ó código aberto ou, polo menos, tomar coñecemento da cuestión. O encontro, que é de balde (tanto no que se refire á inscrición como ó conxunto dos servizos do evento) xirará arredor dun eixo, o Kernel, que é o nome co que se coñece ó núcleo do sistema operativo. Para que se entenda: falamos do que ben podería ser o miolo do computador, que fai posible que o hardware e o software do equipo traballen xuntos.
A party, que para a súa organización conta co apoio do Concello de Mugardos, inclúe todo tipo de actividades sobre Linux, redes, xogos, relatorios e mesas redondas sobre software libre, churrascada e mesmo lanzamento de hardware (un bo xeito de ceibármonos do que en ocasións semella unha excesiva dependencia ó tecnolóxico). Cómpre dicir que este ano a organización afianzouse aínda máis nun xeito de traballar que bebe directamente das fontes do deseño de software libre: en colaboración directa cos participantes do evento, que están a achegar as súas propostas a través da Rede. A comunidade O Zulo tamén habilitou no sitio da party un apartado sobre todo aquilo que sería positivo levar (ou non) para unha plena party-cipación.