O equipo ECRIM (UDC) colabora nun proxecto tecnolóxico contra o tráfico ilícito de bens culturais
luns, 16 de xaneiro do 2023
O equipo
de investigación da Universidade da Coruña (UDC) Criminoloxía,
Psicoloxía Xurídica e Xustiza Penal no século XXI (ECRIM)
participa en RITHMS (Research,
Intelligence and Technology for Heritage and Market Security)
un proxecto financiado pola Unión Europea. O dito proxecto ten como
finalidade mellorar, con axuda das tecnoloxías máis innovadoras, a
capacidade operativa das forzas policiais e as autoridades aduaneiras
e fronteirizas para facer fronte ao tráfico ilícito de bens
culturais, á vez que se investigan os mecanismos que subxacen a este
fenómeno. Cómpre engadir que este proxecto está coordinado polo
Istituto Italiano dei Tecnologia (IIT).
Indo ao miolo deste traballo, nel colaboran catro autoridades
policiais, dúas axencias fronteirizas, unha academia de policía,
empresas e institutos de investigación expertos no eido do
Patrimonio Cultural e a tecnoloxía sobre sistemas integrados de
telecomunicacións e protocolos de seguridade informática.
Deste xeito, RITHMS propón un enfoque interdisciplinario, necesario
tamén polo carácter transnacional deste tipo de delincuencia, que
incluirá dende análise do mercado da arte até análises
criminolóxicas, pasando por estudos xurídicos e forenses. O
obxectivo é o desenvolvemento dunha plataforma baseada en
intelixencia artificial que permita identificar redes de delincuencia
organizada e achegue aos investigadores información sobre a súa
actividade máis evolución. Así, a plataforma explotará o
potencial da Análise de Redes Sociais (ARS), unha metodoloxía que
permite comprender mellor o comportamento das persoas implicadas no tráfico
ilícito a través das súas reaccións e interaccións en liña.
Engadir que o proxecto recibiu un financiamento de cinco millóns de
euros da Unión Europea, con cargo ao Programa de Investigación e
Innovación Horizonte Europa. A coordinadora do proxecto é Arianna
Traviglia, Directora do Centro de Tecnoloxía do Patrimonio Cultural
do IIT en Venecia (Italia).
Indo ao equipo galego da UDC, dicir que está liderado pola
catedrática Patricia Faraldo, quen vai encargarse das análises
criminolóxicas sobre esta tipoloxía de tráfico ilícito, así como
de supervisar os aspectos ético-sociais que implica o uso dunha
intelixencia artificial para a investigación criminal.
A lista de socios inclúe: Istituto Italiano dei Tecnologia (Italia,
coordinador); StAG srl (Italia); VTT - Technical Research Centre of
Finland (Finlandia); European Software Institute - Central Eastern
Europe (Bulgaria); RiniGARD DOO ZA USLUGE (Croacia); Houston
Analytics (Finlandia); BEIA Consult International srl (Romanía);
SatCen - European Union Satellite Centre (España); Universidade da
Coruña (España); Hochschule für dean öffentlichen Dienst in
Bayern (Alemaña); European Institute Foundation (Bulgaria); o
Comando dos Carabinieri para a Tutela do Patrimonio Cultural do
Ministerio de Defensa italiano; a Brigada de Patrimonio Histórico da
Policía Nacional española; a Policía Nacional dos Países Baixos;
a Policía de Fronteiras de Bulgaria; a Policía de Moldavia; a
Policía de Fronteiras de Bosnia e Hercegovina. Tamén participa como
entidade afiliada a asociación Art Crime Project-APS (Italia) e
Conceptivity sarl (Suíza) como asociado.
O proxecto RITHMS conta cunha web
e un perfil en varias redes sociais como LinkedIn
e Twitter.