O futuro da información dixital, a exame na Cidade da Cultura

luns, 4 de abril do 2011 Raquel Noya

Os vindeiros días 7, 8 e 9 de abril, a Cidade da Cultura de Galicia, que por certo segue a sumar seareiros no seu perfil de Facebook, vai reunir no seu seo ás bibliotecas dixitais máis importantes do mundo, entre as que se atopan a Biblioteca do Congreso dos Estados Unidos; a British Library do Reino Unido ou a World Digital Library da Unesco, entre outras.
O motivo desta reunión (pioneira no noso país) non é outra que a celebración dun seminario sobre información dixital (algo que só se podía facer neste marco incomparable para promocionar a cultura actual) ao que tamén se achegarán compañías especializadas na dixitalización de fondos, como Google Books ou Europeana, a biblioteca dixital que impulsa a Comisión Europea.
O seminario contará tamén coa Biblioteca Nacional de España e será, en palabras dos seus organizadores, “unha oportunidade perfecta presentar Galiciana, a biblioteca dixital galega, que por volume de fondos é xa unha das mais potentes de España e de Europa”.
A conferencia inaugural virá da man da estadounidense Sally McCalum, representante da Biblioteca do Congreso dos Estados Unidos, quen centrará a súa intervención nas estratexias que existen para facerlle as bibliotecas mais accesibles aos usuarios.
Por outra banda , tal e como detalla o programa dispoñible en Bibliotecasdixitais.com, o director da World Digital Library da Unesco, John Van Oudenaren, exporá perante as persoas asistentes o proxecto Biblioteca dixital mundial, e o alemán Stefan Gradmann, presentará o Libro branco de Europeana.

PUBLICIDADE