O novo deseño da web de AGADIC inclúe a recuperación do legado de Flocos.tv

venres, 5 de agosto do 2011 Fernando Sarasketa

A Axencia Galega das Industrias Culturais, AGADIC, vén de estrear páxina web. A nova andaina en liña da entidade dependente da Consellería de Cultura, mantendo o enderezo de costume, www.agadic.info, inclúe unha remodelación do aspecto gráfico e, tamén, do artellamento dos contidos, dando acubillo a partir de agora a máis seccións multimedia, a conexións directas coas redes sociais e a informacións de actualidade procedentes do propio sector a través do apartado Olladas. Asemade a nova páxina de AGADIC acollerá, a través de Canle TV, o catálogo audiovisual aloxado na desaparecida plataforma Flocos.tv.
Amais de todo isto, a páxina remodelada tamén incorporará avisos relacionados coa actividade da Axencia e carteleira.
Volvendo a Canle TV, dicir que en breve poderemos tirarlle o máximo partido, tal e como sinalan os responsábeis directos de AGADIC, que está neste intre a desenvolver “os axustes técnicos precisos para a visualización deste catálogo audiovisual de xeito directo dende a páxina, a través desta nova sección denominada Canle TV”.
A web da Agadic incorpora, como avanzamos ao comezo, dous novos apartados multimedia –Galería e Vídeos–, así como as ligazóns ás redes sociais ás que a entidade da Consellería de Cultura se incorporou recentemente a través dunha canle propia en YouTube e unha páxina en Facebook.
Asemade, informa a Axencia, “reestruturouse e actualizouse a información de carácter institucional e de servizo ao sector, que agora conta cun acceso directo ao apartado de Axudas, a través do que se informa puntualmente do estado das distintas convocatorias de subvencións da Agadic ao sector (industrias culturais e audiovisual)”.

PUBLICIDADE