O novo traballo de Loquillo corre perigo de ser pirateado antes de saír á luz

venres, 28 de marzo do 2008 Raquel Noya

Segundo vén de informar a axencia Efe, o músico e escritor barcelonés Sabino Méndez sufriu recentemente o roubo de dous ordenadores persoais que contiñan o arquivo dixital do seu vindeiro libro, así como diversas copias das cancións que tiña composto para o novo disco de Loquillo, artista co que levaba preto de dezasete anos sen colaborar.
O propio autor asegura que foi obxecto do roubo no interior do seu vehículo cando o tiña estacionado na estrada de Andalucía á altura de Ocaña (Toledo) e se dirixía a Málaga “para illarse uns días e darlles unha volta máis” ás cancións do disco Balmoral, o primeiro en solitario de Loquillo que tiña previsto sacar á luz o vindeiro 8 de abril.
Agora, o temor de Méndez é que “a circulación incontrolada dos arquivos dixitais de música” abra a posibilidade de pirateo por Internet, tal e como lle pasou hai pouco a Estopa co seu último disco Allenrok, que foi descargado por milleiros de internautas de xeito ilegal ó ser subtraído “de maneira inexplicable” da propia compañía.
A compañía discográfica Warner xa foi alertada do roubo destas cancións de Balmoral, onde Loquillo canta co francés Johny Hallyday.

PUBLICIDADE