O pediatra Luis Sanchez conclúe o Ciclo de Cultura Científica cunha charla sobre TIC e nenez

luns, 10 de xuño do 2024 S. P.

A segunda edición do Ciclo de Cultura Científica da Xunta, desenvolvido baixo o lema Tecnoloxía con sentidiño, rematará este martes 11 de xuño coa conferencia do pediatra en Atención Primaria Luis Sánchez sobre o impacto da tecnoloxía na saúde infanto-xuvenil. Como todas as charlas, poderá seguirse de forma presencial no auditorio Neira Vilas da Biblioteca de Galicia, de 18,00 a 19,30 h., e tamén será retransmitida en streaming na canle de YouTube da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional.
Baixo o título Cruzando saúde infanto-xuvenil e tecnoloxía, a cita achegarase dun xeito científico ao uso das novas tecnoloxías en idades temperás. Poranse sobre a mesa preguntas arredor da influencia que teñen estes recursos no crecemento e desenvolvemento de cativada e mocidade, así como o seu uso no entorno formativo, o que pode ofrecer múltiples oportunidades e ser ao mesmo tempo fonte de inquedanzas. O obxectivo é “axudar a docentes, estudantes e familias a coñecer esta realidade e as implicacións que as novas tecnoloxías teñen nos máis mozos”.
Luis Sánchez é pediatra de Atención Primaria formado na Universidade de Santiago e especializado en Pediatría no antigo Hospital Xeral de Galicia. Formou parte de diferentes sociedades científicas con responsabilidades directivas, desde a Sociedade Europea de Pediatría como presidente ata a Asociación Española de Pediatría da que é actualmente membro do Comité Executivo. Ademais, é un dos representantes dos pediatras españois na Academia Europea de Pediatría e director da Fundación Hipocrática do Colexio de Médicos da Coruña.
Sete expertos en Tecnoloxía con sentidiño
O sanitario é o encargado de concluír o II Ciclo de Cultura Científica, tras as conferencias de Héctor Ruíz Martin, Espido Freire, José César Perales, Juanjo Montiel, Javier Sainz de los Terreros e Francisco Bellas. Todos eles trataron, coas súas charlas, de ofrecer certezas e contribuír a unha reflexión seria, documentada e baseada en investigacións.
O ciclo, que comezou en marzo, está dirixido ao público en xeral, a comunidade educativa e aos docentes. O profesorado asistente á totalidade recibirá un certificado de 12 horas de formación do profesorado. Coas charlas configurarase un libro, cun artigo específico para cada unha delas.


PUBLICIDADE