O prazo de presentación de proxectos ó concurso Xurdir remata o vindeiro 14 de decembro

luns, 3 de decembro do 2007 Raquel Noya

A empresa galega Coremain (con sede en Santiago), especializada na achega de servizos no eido das novas tecnoloxías da información, vén de anunciar o peche do prazo de presentación de proxectos universitarios ao concurso Xurdir, disposto para o vindeiro 14 de decembro.
Xurdir vai dirixido aos universitarios da comunidade que teñan un proxecto innovador, de base tecnolóxica, que se pode presentar a título individual ou colectivo. O concurso desembocará na creación dunha empresa constituída ao 50 por cento entre Coremain e o autor da idea gañadora.
O gran obxectivo desta particular iniciativa (que deu comezo o pasado 25 de outubro) é dar visibilidade ao potencial innovador dos mozos e mozas universitarios e procurarlles unha oportunidade de abrirse camiño no mercado laboral.
O fallo do xurado, composto por profesionais de Coremain, será dado a coñecer o vindeiro día 15 de xaneiro. Os interesados en participar poden consultar as bases na web da empresa e solicitar máis información por e-mail a xurdir@coremain.com.

PUBLICIDADE