O prazo para apuntármonos ao Fiadeiro de tradución de software libre da USC remata este xoves
mércores, 23 de marzo do 2011
Xa queda menos para participar a prol dunha
boa causa en Compostela: axudar de xeito colectivo, e presencial, á tradución
de programas abertos de uso común á nosa lingua, sobre todo programas
relacionados coa formación e a vida educativa. Segundo
informa a Universidade de Santiago o prazo para inscribírmonos na
terceira entrega do Fiadeiro de localización de software libre remata este
xoves 24.
Cómpre lembrar que o Fiadeiro é unha
actividade-curso-obradoiro organizada de xeito conxunto pola pola
Comisión de Normalización Lingüística da Escola Técnica Superior da Enxeñaría
(ETSE) e o Servizo de Normalización e a Oficina de Software Libre da USC.
Do que se trata, como avanzamos, é de verter
ao galego 21 pequenas aplicacións que poden usarse, por exemplo, nas
distribucións de Ubuntu-USC, a localización específica desta plataforma libre
para a universidade compostelá en lingua galega.
Segundo engade a USC, haberá diferentes pasos
a seguir para participar nesta tarefa colectiva. A tradución destas ferramentas
levarana a cabo os asistentes á terceira edición do Fiadeiro, “que aprenderán primeiro os procedementos de
localización de software e a utilización de ferramentas específicas nas sesións
que se celebrarán os días 29 e 31 de marzo (de 12:00 a 15:00 horas)”. A
cousa non remata aí, porque o 2 de abril chega o intre clave coa aplicación práctica
das aprendizaxes adquiridas para a localización.
“Esta
busca farase por parellas, a cada unha delas encomendárase unha aplicación,
para o que contarán co asesoramento dos profesores do Fiadeiro, Antón Méixome,
Enrique Estévez e Francisco Diéguez”, engádese.
