O proxecto eWater xeolocaliza a rede hidrográfica subterránea

martes, 13 de xaneiro do 2009 Fernando Sarasketa

A Rede, unha vez cubertas amplas áreas do xenérico, métese xa de cheo até no máis específico. Dito doutro xeito: estamos a asistir a un proceso de incorporación de contidos e servizos no que colle absolutamente de todo. Nesta liña de exhaustividade e de recompilación inxente de datos moi localizados é onde se insire o proxecto eWater, un sistema de información plurilingüe que escolma e ofrece unha boa parte do relativo ás augas subterráneas. A posta a punto do servizo web europeo, finalizada logo de dous anos de labor intensivo, ofrece máis puntos interesantes do que pode semellar a primeira vista. Ou sexa: que a ferramenta non só pon en xogo material específico para colectivos ben sinalados (investigadores, cartógrafos, institucións públicas, ecoloxistas, xestores da auga, empresarios do agro, etc), senón que salienta en boa medida a importancia dun recurso que cómpre de todos os nosos esforzos para o seu coidado: a auga.
A páxina web en cuestión, habilitada en 13 linguas, achega acceso ás bases de datos sobre augas subterráneas e á cartografía hidroxeolóxica de 12 institutos xeolóxicos europeos: Austria, Dinamarca, Emilia-Romagna de Italia, Francia, Hungría, Países Baixos, República Checa, Lituania, Eslovenia, Eslovaquia, Suecia e España.
Mais polo miúdo, o que podemos atopar entrando neste espazo web é un exhaustivo estudo informativo sobre o líquido elemento que discorre por embaixo do solo. O sitio inclúe datos de máis de 800.000 pozos e mananciais e de niveis piezométricos, caudais e características químicas da auga, un catálogo de metadatos, un visualizador de mapas, un dicionario plurilingüe en liña e unha aplicación, o eWater móbil, que permite o acceso a información de augas subterráneas sobre o terreo grazas ao uso dun dispositivo móbil con GPS. O proxecto, que pola parte española contou coa participación activa do Instituto Xeolóxico e Mineiro, tivo un orzamento de 1,2 millóns de euros. Segundo informan os seus responsables, o que fica a partir deste punto é un labor igual de completo de asesoramento e mantemento do portal, enmarcado dentro da área de traballo de Información Xeográfica do programa europeo eContentplus.

PUBLICIDADE