O repositorio galego de software libre incorpórase á forxa do Centro de Transferencia de Tecnoloxía

luns, 14 de abril do 2014 Redacción

O repositorio autonómico de software libre acubillado na Forxa de Mancomún e xestionado por AMTEGA vén de incorporarse ao repositorio do Centro de Transferencia de Tecnoloxía (CTT) como forxa asociada. Esta integración, sinala a axencia que dirixe Mar Pereira, posibilitará que as sete solucións reutilizables ceibadas pola Xunta desde o ano 2011 únanse ao catálogo de solucións técnicas do Estado e poidan ser así localizables de xeito máis doado por todas as administracións estatais.
Lembrar que o dito repositorio aloxa os proxectos desenvolvidos pola Administración pública galega que foron liberados para a súa reutilización como software libre por parte da cidadanía, empresas ou outras administracións públicas. Segundo fai saber AMTEGA, este fondo de programas estaba xa asociado ao Repositorio Europeo de Software Libre para as administracións públicas, co obxectivo de facilitar a localización de ditas solucións por todas as institucións europeas. As xestións co CTT feitas pola axencia constitúen “un paso máis alá para maximizar a visibilidade e posible reutilización das solucións liberadas”.
A axencia tamén salienta que o repositorio do CTT é o directorio estatal de recursos susceptibles de atopar diferentes usos, dispoñibles para tódalas administracións para o desenvolvemento de novos sistemas ou servizos.
A forxa Mancomún naceu no ano 2007 como unha iniciativa “que permite pór a disposición de entidades públicas, empresas e particulares un contorno colaborativo de desenvolvemento de proxectos de software en galego”. A forxa, engade AMTEGA, está aberta para o desenvolvemento de proxectos de programación aberta, “non só por parte da administración pública, senón por calquera outro actor”. Actualmente a plataforma conta con case 500 usuarios rexistrados e máis de 250 proxectos, entre os que destacan os proxectos que se impulsaron desde a propia Administración.