O servizo de diagnose enerxética para PEME do INEGA superou os 500 usuarios no seu primeiro ano
luns, 8 de outubro do 2012
O servizo de Diagnose Enerxética en liña para PEME
da Consellería de Economía e Industria sumou,
durante o seu primeiro ano de funcionamento, medio milleiro de usuarios. A
través desta ferramenta as empresas poden facer diagnoses enerxéticas en liña adaptadas
ás súas particularidades, mellorando a súa competitividade mediante medidas
concretas de eficiencia enerxética.
A aplicación
conta con dous niveis, un básico e outro especializado, sumando doce bloques
temáticos, seleccionados segundo as principais necesidades manifestadas polas PEME,
que se concretan en: facturación enerxética, consumo térmico, iluminación,
instalacións eléctricas, aire acondicionado, frío industrial, climatización e
auga, transporte, enerxías renovables e alta eficiencia, mantemento, etiquetaxe
enerxética e formación.
Nun primeiro
nivel, máis sinxelo, os usuarios poden formular preguntas de forma rápida e
sinxela, recibindo, a raíz delas, un informe de recomendacións sobre aforro e
eficiencia enerxética. No nivel dous, os usuarios realizan un segundo
cuestionario máis especializado, baseado nas respostas do primeiro. O resultado
é un informe adaptado á situación da empresa, que inclúe un balance enerxético
detallado cunha estimación do reparto do consumo eléctrico.
As empresas
auditadas amosan un potencial de aforro enerxético para as PEME superior ao
14%. Entre as medidas fundamentais a adoptar atópanse, no tocante á enerxía
eléctrica, a substitución de lámpadas por outras máis eficientes, a utilización
de sistemas automáticos de control do acendido ou a instalación de mecanismos
de medición de consumo.
No ámbito da
enerxía térmica, as empresas deben adecuar as temperaturas en función da súa
ocupación e da actividade que realizan, optimizar o funcionamento das caldeiras
e mellorar os cerramentos. Así mesmo, tamén se detectan posibilidades de aforro
en materia de transporte, a través do emprego de vehículos con axeitado consumo
ou da posta en práctica dunha condución máis eficiente.