O software galego eHabilis Connect permite xestionar as accións formativas asignadas polo SEPE
luns, 3 de novembro do 2014
Medra a familia eHabilis,
a plataforma galega de e-learning na nube, a día
de hoxe unha das primeiras contornas de aprendizaxe social e
colaborativo do mercado. Segundo nos contan os responsábeis da
plataforma, xa está dispoñíbel un novo produto para xestionar as
accións formativas que asigna o Servizo Público de Emprego a
academias ou centos de formación. Falamos de eHabilis
Connect, un software que lles permite a estes espazos docentes
ter ben visíbeis as actividades do dito servizo (SEPE) con vistas á
obtención de certificados de profesionalidade.
En palabras de Brais
Martínez, xefe de produto de eHabilis, estamos ante un servizo que
nace co obxectivo de cubrir as necesidades detectadas nos centros de
formación por mor da publicación do Real Decreto 189/2013, de 15 de
marzo e a Orde Ministerial ESS/1897/2013, de 10 de outubro, nos cales
quedan reflectidos os requisitos esixidos pola SEPE ás plataformas
de teleformación destinadas a desenvolver accións formativas para a
obtención de certificados de profesionalidade”. Segundo esta lei,
desde 2014 os centros que leven a cabo este tipo de iniciativas
docentes “deberán contar cun software que lles permita realizar a
xestión das accións formativas e ao mesmo tempo permitir un
seguimento automatizado por parte do SEPE”. Neste senso, eHabilis
Connect preséntase como “a primeira aplicación específica que
conecta de xeito automático os principais acubillos de
teleformación, como eHabilis, Moodle, Dokeos ou Claroline, con esta
entidade en cuestión”.
Xa a un nivel máis
concreto, eHabilis posibilita ás academias e e os centros xestionar
“de maneira automática e centralizada todo o que leven a cabo en
materia de obtención de certificados de profesionalidade”. A
ferramenta rexistra accións formativas, titores, especialidades ou
alumnos, e todo co obxectivo de xerar paquetes de datos consultábeis
ao momento e do xeito máis doado e accesíbel por parte do Servizo
Público de Emprego.
Ademais, pon a
disposición dos centros un sistema de alertas sobre a formación e a
súa validación polo SEPE e, tamén, un servizo de soporte con canle
propia para canalizar dúbidas, recibir asesoramento e informar da
nova normativa que publique o SEPE. Por outra banda, achégase
firmemente asentada na nube (non precisa instalación e garante ao
mesmo tempo a seguridade dos datos, “co fin de permitir que o
centro se despreocupe de cuestións técnicas para centrarse na
formación”, sinala Brais Martínez).
A plataforma eHabilis
Connect foi desenvolvida por Sdweb –
Innovative Digital Solutions, a mesma factoría tecnolóxica que
se encarga de deseñar comercializar a plataforma de aprendizaxe
social eHabilis. Esta orixe
común, engade Brais Martínez, fai que Connect se integre “á
perfección con esta plataforma, pero non se limita só a isto senón
que vai máis aló, ampliando o seu radio de acción a outras
plataformas como Moodel, Dokeos ou Claroline”.