O software libre de análises econométricas GRETL, traducido ao galego

luns, 7 de abril do 2014 Redacción

A Universidade de Santiago informou os días pasados da adaptación á nosa lingua dunha suite de ferramentas informáticas para facilitar a análise econométrica escrita na linguaxe de programación C. O software en cuestión, de nome GRETL, é unha achega de programación aberta traducida ao galego polo profesor do Departamento de Economía Cuantitativa da USC Juan Carlos Estévez, quen na súa docencia tira partido deste paquete informático como alternativa ás aplicacións privativas que existen para realizar estudos e investigacións econométricos.
A raizame da adaptación a nosa lingua GRETL hai que rastrexala no V ETSE Open de SL /Fiadeiro de localización de software libre, a quinta edición do obradoiro de tradución de programas abertos ao galego. No transcurso do mesmo, Estévez tivo oportunidade de coñecer os principais recursos para a localización, os métodos a seguir e, o que é máis importante, descubriu que era posible e factible a tradución de programas abertos á nosa lingua. O resultado disto e do traballo subseguinte do profesor foi un paquete de software en multiplataforma, en galego, dirixido a realizar análises econométricas e empregado a día de hoxe en numerosos departamentos de Economía de universidades de todo o mundo en inglés, a lingua orixinal en que se deseñou, pero tamén en albanés, alemán, búlgaro, catalán, checo, chinés, español, francés, grego, italiano, polaco, portugués, ruso, turco, vasco.
Segundo conta a USC, os primeiros en usalo dende o ámbito estatal foron os profesores da Euskal Herriko Unibertsitatea, que fixeron a tradución ao español e ao vasco; tamén o utilizan nas universidades de Valencia, Oviedo, Complutense, Autónoma, Málaga e mais no CSIC. As librarías orixinais foron escritas polo profesor Ramu Ramanathan da Universidadede California, aínda que actualmente dirixen o proxecto Allin Cottrell, da Wake Forest University e Riccardo "Jack" Lucchetti, da Università Politecnica delle Marche.
GRETL (acrónimo de GNU, Regression, Econometrics and Time-Series Library) conta “cunha interface moi intuitiva para o usuario, e asemade é razoablemente sofisticado”, explican dende o Cartafol Dixital da USC. E engaden: “Inclúe múltiples recursos de estimación baseados en mínimos cadrados, realiza funcións como o contraste de Dickey-Fuller aumentado, o contraste de estabilidade estrutural de Chow, autorregresións vectoriais ou estimacións de modelos ARMA, etc”.
Para instalalo cómpre ir á páxina principal de Tretl, ao apartado de descarga e baixar o ficheiro correspondente á plataforma que se desexe (Linux, Fedora, Windows, Mac); durante o proceso de instalación preguntaranos por un lugar onde instalar o paquete e o idioma.