O software libre galego busca novos adeptos en XGN

venres, 3 de abril do 2009 Fernando Sarasketa

Finalmente comezou Xuventude Galiza Net 2009 e, alén das novidades puramente físicas (o cambio de emprazamento ao Multiusos do Sar de Santiago, o incremento das prazas dispoñibles e do espazo para actividades diversas) e técnicas (meirande rede), o formato elixido no que a promoción do software libre se refire baséase en boa medida na experiencia colectiva de anteriores, só que ampliándoa. Ou sexa: que haberá de novo actividades ombro con ombro de tradución e posta a punto de software, presentacións, distribución de programas, mesas redondas, debates e demais. Neste senso e para dar acubillo e coordinación a todo este potencial (unha boa parte dos internautas reunidos no Multiusos son usuarios de ferramentas abertas), a décima edición do encontro conta coa participación de Mancomún, o Centro de Referencia e Servizos de Software Libre de Galiza, que dispón ata o domingo (incluído) dun espazo propio na zona de acceso libre para dar a coñecer o seu traballo e as vantaxes deste tipo de programas a todas as persoas que se acheguen.
Como dixemos, a idea é repetir o modelo do ano pasado pero amplificándoo. Así, Mancomún comparte a súa caseta de exposición con todos os axentes da comunidade galega de software libre. Por certo que recentemente nesta mesma web dimos conta dun programa provisional das actividades previstas polo Centro no marco de Xuventude Galiza Net, actividades que xiran arredor dun lema que é tamén unha declaración de intencións en toda regra: Co Software Libre xogamos todos en Galiza.
Tanto o posto da Dirección Xeral como o dos axentes –sobre todo Grupos Galegos de Usuarios de Software Libre (GGUL)- terán como obxectivo fornecer un espazo que facilite a loxística interna; que permita a difusión de todas as actividades/materiais que se están a facer no eido do software libre; pero, e o que é máis importante, que visibilice o apoio institucional ao software libre a través do Centro de Referencia e Servizos de Software Libre de Galiza.
Entre outros desenvolvementos informáticos galegos está prevista a presentación de Galinux, o sistema operativo aberto na nosa lingua posto en marcha por Mancomún e os devanditos Grupos. A idea é tirar partido do stand para promover na medida do posible o uso deste programa sinalando o que significa para os que a coñecen, ao tempo que permita inspirar a moitos a probala. “O software libre é resultado da colaboración de toda a comunidade, e quen mellor para explicar as vantaxes do Galinux que os integrantes, facéndoo dun xeito desenfadado e ameno”, declaran fontes de Mancomún con motivo da presentación do seu programa para XGN. A maiores, a intención do Centro galego é repartir máis de 6.000 unidades do programa ao longo destes tres días.