O traballo en rede dos computadores incompatibles, cada vez máis preto grazas ao software libre
venres, 24 de xullo do 2009
Entre computadores, a unión tamén fai a forza. Dito doutro xeito: igual que nós os seres humanos cubrimos coa axuda dos demais as nosas carencias (contribuíndo nós tamén a compensar as das dos demais), os ordenadores tamén precisan de moitos discos duros facendo fronte común co obxectivo de solucionar todo tipo de operacións de cálculo ou calquera outra tarefa que se lles poña por diante. O problema, igual que entre as persoas, reside ás máis veces nas fronteiras comunicativas, ou, para sermos máis precisos, na incompatibilidade. Solucionar isto e contribuír á creación de contornos de traballo interoperativos nos que poida situarse calquera ordenador en rede é o gran obxectivo do proxecto GridCOMP, iniciativa apoiada pola Unión Europea que centra o seu labor en habilitar software libre que permita a computación distribuída entre computadores con diferentes arquitecturas, teoricamente incompatibles.
Segundo informa Mancomun.org facéndose eco de datos achegados por Tendencias21, o proxecto significa a posta en marcha dun novo tipo de comunicación entre equipos, un estándar que é quen de substituír ao que se tiña realizado ata o de agora, privativo e menos eficaz. O alicerce da iniciativa é fomentar entre os ordenadores o mesmo que dende determinadas organizacións se vén promovendo para os seus usuarios: o diálogo. A través disto, vai ser posible desenvolver todo tipo de traballos que ata o de agora ficaban no tinteiro por mor da súa complexidade: procesos de simulación, de trasfego de grandes cantidades de datos ou de redistribución dos recursos.
De feito, o proxecto baséase en tecnoloxía grid, computación en rede orientada a acadar a través de numerosos cerebros virtuais o que dificilmente se conseguiría cuns poucos que corresen sobre programación pechada. Con esta disposición de efectivos, pódense conseguir, de feito, capacidades de traballo moito maiores que habilitando custosos supercomputadores actuando pola súa conta. Sinalar que ata o día de hoxe, non se tiña rexistrado estándar algún desta natureza e que fose quen de deixar á marxe a unha colaboración tan completa entre equipamentos.
O proxecto, en contra do que se podería pensar, conta arestora con grandes apoios por parte da gran industria do eido informático, entre os que se atopan multinacionais ligadas en maior ou menor medida ao desenvolvemento da programación aberta: IBM, Sun, Oracle, HP, NEC, Alcatel, Nokia Siemens, etc. Para o Centro Mancomún, o proxecto é especialmente salientable porque “rompe un bloqueo que a industria tiña sobre o avance científico”. E prosegue o centro galego: “Sen as licenzas de código aberto, e sen a vontade política da Unión Europea de promover este tipo de software, nunca sería posible o amplo abano de aplicativos que se abre ante nós”.
