O turismo galego reivindica a Intelixencia Artificial como fórmula de competitividade
xoves, 23 de novembro do 2023
Baixo
o título rÍAs baixas: o camiño dos algoritmos, expertos
vinculados á Intelixencia Artificial abordaron este 23 de novembro
en Pontevedra os retos e oportunidades que implica esta tecnoloxía
para o sector turístico. O encontro foi inaugurado polo presidente
do Clúster de Turismo, Cesáreo Pardal, o presidente da Deputación
de Pontevedra, Luis López; e o delegado territorial da Xunta en
Pontevedra, Agustín Reguera.
Cesáreo
Pardal destacou “o amplo abano de posibilidades que ofrece a
Intelixencia Artificial para incrementar a competitividade e a
sostibilidade do sector turístico”. Desde a “mellora da xestión,
ou das estratexias de mercadotecnia á personalización da oferta,
pasando pola mellora da atención ao cliente ata a eliminación das
barreiras lingüísticas”. sinalou.
Ademais,
o presidente do Clúster subliñou a importancia que teñen as
solucións tecnolóxicas baseadas en IA para “mellorar a
sustentabilidade, pola súa capacidade de incrementar a eficiencia do
transporte e a loxística, e reducir a pegada de carbono e volume e
de residuos ou a xestión de fluxos turísticos”.
A
xornada, froito da colaboración do Clúster coa Deputación de
Pontevedra e a Axencia Turismo de Galicia, reúne a expertos de gran
renome coma Javier Sirvent, Technology Evangelist; Elena Ibáñez,
Singularity Experts; Virginia Seguí Monleon, HR Tech Manager; Thais
Glod, InnoBound; Lázaro Royo, Zeus; Javier Martín, Renaiss.AI; ou
Juan Antonio Gómez Bule, AREXDATA.
O
encontro está dividido en tres grandes seccións: unha charla
centrada no enfoque práctico onde se explicarán os últimos avances
en IA e como se empregan os robots na industria turística, titulada
O espertar da IA Xenerativa; unha mesa redonda onde se
debaterán as tendencias no sector e como a formación, o re-skilling
e a IA van condicionar as novas profesións na industria turística,
titulada Capacitación e emprego no sector turístico; e outra
mesa redonda sobre a converxencia da tecnoloxía avanzada e sector
turístico, titulada Datos, IA e ciberseguridade aplicada ao
turismo.