O vindeiro ano comezará con 4.000 millóns de móbiles no mundo

luns, 29 de setembro do 2008 Fernando Sarasketa

A telefonía non para de medrar no mundo, e a un ritmo de vertixe. Segundo datos da Unión Internacional de Telecomunicacións (UIT) recollidos por Elpais, a finais de ano haberá 4.000 millóns de aparellos no mundo, o que supón unha taxa de penetración do 61%. Porén, cómpre non deixarse de levarse polo entusiasmo, e moito menos polo entusiasmo corporativo: nin é certo que cada móbil desa cifra sexa propiedade dunha persoa (medran os usuarios de varios terminais pero manténdose o número de persoas que non teñen ningún ao seu alcance), nin é verdade que sexan todo vantaxes (o acceso á era dixital da comunicación ten para os países en desenvolvemento un reverso terrible: milleiros e milleiros de teléfonos que xa non se usan van dar directamente a vertedoiros sen control).
Con todo, segundo engadiu a UIT os días pasados, o proceso semella arestora máis que imparable, feito que non tería por que achegar consecuencias negativas se os países aos que toca máis de preto, como por exemplo China, amosasen maior vontade de asegurar unha segunda vida máis axeitada a estes aparellos. Ou de evitar os novos sistemas de escravización nas plantas de ensamblaxe.
O caso é que en poucos sectores tecnolóxicos se ten rexistrado tal índice de medre: a progresión anual foi do 24% entre 200 e 2008. A data clave foi a deste ano en curso con respecto anterior: en 2007 había no mundo 3.300 millóns de teléfonos. Este repunte débese en boa medida ao desenvolvemento de países como o devandito xigante asiático (que superou os 600 millóns de móbiles comercializados nun ano), Brasil ou India.

PUBLICIDADE