O xefe da Subárea da Seguridade da AMTEGA, Gustavo Herva, Premio Traxectoria Profesional do CPEIG
martes, 31 de maio do 2022
O
Colexio Profesional
de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG) decidiu outorgar
este ano o seu Premio Traxectoria Profesional ao enxeñeiro en
Informática Gustavo Herva Iglesias, xefe da Subárea da
Seguridade da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia
(AMTEGA). O galardón será entregado, como todos os restantes
recoñecementos anuais do CPEIG, no marco da da XIV
Noite da Enxeñaría en Informática de Galicia (o 1 de xullo en
Santiago, no Hotel Porta do Camiño).
Como
colexiado desde a creación do CPEIG en 2007, o presidente desta
entidade profesional, Fernando Suárez, sinala que Gustavo Herva
formou tamén parte do Corpo Oficial de Peritos Informáticos. “É
un colexiado que está liderando actualmente unha área da Enxeñaría
Informática da máis alta especialización e impacto na sociedade”,
explica.
Gustavo
Herva Iglesias (Fene, 1977) é enxeñeiro en informática pola
Universidade da Coruña (UDC) desde o ano 2000. Traballou como
consultor na empresa privada de 2000 a 2008, tendo como actividades
principais o desenvolvemento de programas informáticos e análise
funcional e de arquitectura técnica en numerosos proxectos para
grandes clientes en diferentes ámbitos (banca, telecomunicacións,
administración pública, etc.).
Incorpórase
en 2008 á administración como persoal estatutario do Servizo Galego
de Saúde, acadando a primeira posición no proceso selectivo na
quenda de acceso libre, onde foi responsábel das áreas de
arquitecturas tecnolóxicas e novas tecnoloxías, nas que traballou
na estandarización da arquitectura de aplicacións do ámbito
sanitario da administración pública galega e na coordinación dos
portais web da organización, co obxectivo de mellorar a eficiencia,
a calidade e a seguridade dos sistemas informáticos, participando
tamén en proxectos de compra pública innovadora.
En
2010 obtén a praza de funcionario na escala de xestión de sistemas
de información do corpo de xestión de administración da Xunta de
Galicia, da que solicitou excedencia para seguir desenvolvendo o seu
labor profesional no ámbito sanitario. Xa en 2013, consegue a praza
de funcionario da escala de sistemas e tecnoloxía da información do
corpo superior de administración da Xunta de Galicia, acadando a
primeira posición no proceso selectivo na quenda de acceso libre,
incorporándose nese momento á AMTEGA, onde ao pouco tempo é
nomeado xefe do departamento de seguridade e calidade, posto no que
exerceu responsabilidades na xestión e mellora da seguridade da
información na Xunta de Galicia, así como na estandarización de
procesos e da arquitectura de aplicacións.
Proxectos
de mellora da seguridade da información
En
2021 é nomeado xefe da Subárea de Seguridade na AMTEGA, onde é
responsábel da definición e implantación das políticas
corporativas de seguridade da información, ciberseguridade e
protección de datos persoais da Xunta de Galicia, sendo
vicepresidente da subcomisión de Seguridade desde a súa creación
en 2014, delegado de Protección de Datos da AMTEGA desde 2018 e
representante da axencia en diversos comités e grupos de traballo a
nivel nacional, como o subcomité de seguridade do Comité Técnico
Estatal da Administración Xudicial Electrónica e o grupo de
traballo de seguridade da comisión sectorial da Administración
Electrónica.
Nesta
etapa impulsou múltiples proxectos de mellora da seguridade da
información na Xunta de Galicia, entre os que cabe destacar:
•
Implantación de plataformas de ciberseguridade.
•
Xestión da ciberseguridade corporativa, creación de CSIRT.gal e
adhesión a CSIRT.es.
•
Adecuación ao regulamento xeral de protección de datos persoais.
•
Adecuación ao Esquema Nacional de Seguridade.
•
Formación e concienciación en materia de seguridade da información.
•
Impulso da posta en marcha do Nodo Galego de Ciberseguridade.
Ao
longo dos seus vinte e dous anos de carreira profesional asistiu a
numerosos cursos de formación de carácter técnico, normativo e
sobre habilidades de xestión. Impartiu tamén como docente un
elevado número de actividades formativas, colaborando frecuentemente
coa Escola Galega de Administración Sanitaria (EGAS) –actualmente
a Axencia de Coñecemento en Saúde (ACIS)–, e coa Escola Galega de
Administración Pública (EGAP), sendo director na actualidade do
Curso Superior de Ciberseguridade organizado pola Xunta de Galicia en
colaboración coa EGAP e o Centro Criptolóxico Nacional.
Obtivo
numerosas certificacións profesionais, como a de ITIL Foundation
Certificate in IT Service Management, Certified Data Privacy
Professional (CDPP) de ISMS Forum Spain, Delegado de Protección
de Datos Persoais, Certified Ethical Hacker de EC-Council,
entre outras. Participa con frecuencia en foros de seguridade, como
por exemplo as xornadas STIC do CCN-CERT, o congreso Securmática
organizado pola revista SIC e no Encontro Galego de Ciberseguridade.
O
enxeñeiro agradece ao CPEIG e aos seus colexiados e colexiadas a
concesión deste premio, que “supón unha enorme satisfacción que
é tamén unha recompensa para o equipo de traballo e a organización
na que desenvolve a súa carreira profesional no ámbito da
ciberseguridade desde fai nove anos”.
Segundo
Gustavo Herva, a sociedade actual está sufrindo nas últimas décadas
e, especialmente nos últimos anos, unha serie de importantes cambios
impulsados ou causados polas innovacións tecnolóxicas, en
particular en todo o que ten que ver coas tecnoloxías dixitais, cun
gran impacto nas empresas, entidades públicas e na vida persoal da
cidadanía. “A informática é un elemento fundamental nas nosas
vidas e polo tanto o desenvolvemento e implantación de sistemas
informáticos ten que facerse de forma cibersegura, xerando a
confianza necesaria para a súa utilización e garantindo que a
ciberseguridade é algo que ven de serie nos servizos e produtos
dixitais”, sinala.
Herva
considera que iniciativas como estes galardóns do CPEIG axudan a
facer visíbel “o importante labor que desenvolven os enxeñeiros e
enxeñeiras en Informática na sociedade actual”, sendo a
ciberseguridade un eido de especialización moi importante para os
titulados en Enxeñería Informática, con emprego garantido e nun
momento de importante desenvolvemento. “Este premio dá
visibilidade tamén no meu caso ao importante papel dos empregados
públicos nestes procesos de transformación dixital, nos que desde
as administracións públicas promóvese tamén a ciberseguridade,
tanto no ámbito público como no resto da sociedade. Galicia está
dando pasos importantes para impulsar a ciberseguridade no noso
territorio, con iniciativas como o Nodo Galego de Ciberseguridade, no
que participan, nun modelo de colaboración público-privada, todos
os axentes do sector, polo que na nosa comunidade hai opcións para
formarse e desenvolverse profesionalmente no campo da
ciberseguridade”, engade.