Oito proxectos do CITIC son aceptados na convocatoria de Xeración de Coñecemento 2022
martes, 12 de setembro do 2023
Inserida no marco do Programa Estatal para
Impulsar la Investigación Científico-Técnica y su Transferencia,
dentro do Plan Estatal de Investigación Científica y Técnica y
de Innovación 2021-2023 atópase a convocatoria de axudas 2022 a
Proyectos de Generación de Conocimiento e a actuacións para
a formación de persoal investigador predoutoral asociadas aos
devanditos proxectos. No Centro
de Investigación en Tecnoloxías da Información e as Comunicacións
(CITIC) foron aceptados oito proxectos para optar ás devanditas
axudas, os cales suman máis dun millón trescentos mil euros
concedidos para o seu desenvolvemento. O tempo de duración do
financiamento para cada proxecto será de 3 a 4 anos, segundo sexa o
caso.
Cómpre dicir que estas achegas teñen como
finalidade financiar a realización de proxectos de investigación
centrados en fomentar a xeración e o avance significativo do
coñecemento científico e a investigación de calidade contrastada;
amais de impulsar a procura de solucións aos desafíos da sociedade.
Volvendo ao CITIC, na área da Intelixencia
Artificial (IA) presentaron traballos Álvaro Barreiro García e
Javier Parapar López, José Luis Calvo Rolle e Héctor Quintián
Pardo, David Vilares Calvo e por último Margarita Alonso Ramos. No
ámbito de Ciencia e Enxeñería de Datos (CID) foron Miguel Ángel
Rodríguez Luaces e Susana Ladra González por unha banda, e Carlos
Vázquez Cendón pola outra. Na Computación de Altas Prestacións
(HPC) presentaron conxuntamente Juan Touriño Domínguez e Gabriel
Rodríguez Álvarez; e en Servizos e Redes Intelixentes (SRI) Luís
Castedo Rivas e José A. García Naya.