Os Coruña Hacks ultiman este sábado os seus proxectos solidarios e cidadáns
martes, 7 de maio do 2019
A
iniciativa Coruña Hacks
(impulsada polo grupo GPUL, Coruña Developers, Árticos e GDG Coruña
co obxectivo de dinamizar a produción de software libre na comarca e
estreitar as ligazóns da comunidade desenvolvedora local), chega
este sábado á súa final: a terceira e derradeira sesión da actual
andaina de Coruña Hacks. Será no Centro Ágora en horario de
10.00 a 20.00 horas. En boa maneira, prolongarase e intensificarase o
frutífero espírito de traballo común e irmandade acadado nas
sesións previas de Coruña Hacks, que tiveron o formato de hackatons
e nas
que se encararon problemas reais da cidadanía con respostas
concretas de software libre.
A
andaina de Coruña Hacks que remata este sábado comezou o 6
de marzo e materializouse logo en dúas intensas sesións de
traballo. Entre os proxectos materializados dende marzo atópanse
OpenSmartFitness (plataforma libre para recoller e xestionar a
información persoal sobre o exercicio físico realizado a través de
sensores tamén libres como unha pulseira ou un velocímetro para a
bici), subastasAEAT (aplicación para buscar no BOE as diversas poxas
que realiza a AEAT e poder facer algún procesamento interesante
sobre estes datos) e Web e Infraestrutura de Coruña Developers (web
para xuntar a comunidade tecnolóxica argalleira da Coruña e comarca
cun calendario que aglutine todos os eventos relacionados).
Nesta
última sesión avaliaranse as tarefas realizadas durante as xeiras
previas e serán entregados os premios aos proxectos.
Esta
edición de Coruña Hacks traerá como novidade unha versión do
evento para rapazas e rapaces de idades comprendidas entre os 8 e os
16 anos. Nesta versión, que se chama Coruña miniHacks, os grupos
aprenderán a programar e desenvolver xogos e aplicacións utilizando
sobre todo Scratch, pero co punto de mira posto (tamén) en linguaxes
e plataformas como Python ou Arduino. A diferenza das outras sesións
a deste sábado 11 de maio desenvolverase de 16:00 a 19:00 horas,
seguido da gala de presentación e premios.
Que
son os Coruña Hacks?
Coruña
Hacks, para que non o saiba, é un laboratorio permanente de
hackatons nos “que aprender e traballar en común no
desenvolvemento de prototipos de aplicacións informáticas”.
Nestes obradoiros a tempo completo teñen cabida “todas as persoas
que o desexen do ámbito do desenvolvemento informático, o deseño
multimedia ou interesadas no código aberto, con independencia de cal
sexa o seu nivel de coñecementos”, sinalan os impulsores.
Coruña
Hacks conta co apoio do Concello da Coruña, a través do Laboratorio
Cidadán Co-Lab, da Área de Participación e Innovación
Democrática, e por suposto de Coruña Dixital, que ten entre os seus
obxectivos “conectar persoas e comunidades interesadas na cultura
dixital, no uso creativo e construtivo da tecnoloxía e na posta en
marcha de proxectos innovadores, sustentábeis e con capacidade
transformadora”.