Os GUGLs pídenlle a Educación máis compromiso polos estándares abertos
luns, 25 de febreiro do 2008
Co obxectivo de pedirlle á Xunta que a aposta polo software libre e polo emprego real das ferramentas informáticas no ensino sexa máis fonda, representantes dos GUGLs (Grupos de Usuarios de GNU/Linux galegos) e do profesorado reuníronse o venres 22 coa conselleira de Educación, Laura Sánchez Piñón, seguindo en boa medida a liña de peticións dunha xuntanza previa con responsables do dito departamento. A reunión coa conselleira, da que podemos ver información abonda no caderno de Roberto Brenlla, serviulles ós colectivos a prol do código aberto para facerlle chegar o que consideran as “deficiencias” do sistema educativo galego neste eido.
Por exemplo: certas herdanzas de políticas previas baseadas en pagamentos por licenzas de software, morneza na aposta polos estándares abertos (malia figurar este compromiso no plan PEGSI da Xunta) ou escaseza de persoal no Sistema de Información da Educación Galega (SIEGA).
Imaxe dunha aula da nosa terra vista en Xeracionweb.com.
Amais disto, tamén lle fixeron chegar a Sánchez Piñón a súa inquietude polo que cualifican de “fuga de capitais polo pagamento de licenzas a firmas de fóra”, proceso que (opinan) se podería inverter se a estrutura educativa galega tirase proveito do software libre e máis aínda do software libre deseñado, desenvolvido e implementando dende Galiza.
A reunión, segundo informan os participantes nela, non se limitou á unha achega de queixas, senón tamén incluíu unha serie de posibles solucións, xirando unha boa parte delas arredor da adopción de modelos semellantes ós postos en marcha en Estremadura ou en Andalucía (onde a aposta clara polo software libre está a subministrar emprego e aforro económico, amais de meirande transmisión de coñecemento, subliñaron) ou arredor do deseño dun plan de actuación que implique –entre outras cousas- o seguinte:
· Análise funcional cara a estandarización, homoxeneización de estratexias TIC nos centros e independencia tecnolóxica.
· Multidepartamental, con compromisos firmes e consolidados das partes implicadas.
· Seguimento que evite a distorsión na interpretación dos obxectivos a acadar
· Dotar de recursos axeitados. O aforro resultante sufraga con creces o esforzo inicial.
· Reconversión do actual Plan de Formación cara a consecución de resultados en función dos seus perfís e das súas responsabilidades TIC nos centros.
Estes e outros datos sobre a xuntanza, na que amais de Brenlla participaron Benxamín Lois, Carlos Carrión e Manuel Morán, figuran detallados polo miúdo neste documento en pdf. Segundo sinalan estes días os asistentes, todo apunta a que hai un interese e unha boa disposición por parte da Consellería á hora de atender as ditas solicitudes.
De feito, Sánchez Piñón comprometeuse a ampliar a achega de información sobre software libre e a súa ética, tirando partido -a maiores- dun desprazamento vindeiro a Andalucía para avaliar polo miúdo as experiencias ligadas ó código aberto que en materia educativa alí se teñen desenvolvido. Asemade, a conselleira anunciou unha revisión do actual Plan de Formación no tocante ás temáticas de estándares abertos.
