Os alumnos do Máster de Software Libre de Caixanova participan de xeito activo no FOSDEM de Bruxelas
venres, 22 de febreiro do 2008
Os alumnos do Máster de Software Libre de Caixanova estarán en Bruxelas esta fin de semana para participar nun encontro europeo sobre a informática de código aberto, probablemente o evento máis importante da UE nesta materia en concreto (segundo sinala a entidade financeira galega, responsable da posta en marcha do curso xunto coa Universidade Rei Juan Carlos e Igalia). O caso é que a idea é que os estudantes non acudan só de oÃntes, senón (xa que se trata de software libre) con vontade colaboradora e participativa.
Emporiso, presentarán o relatorio Calidade e Software Libre: unha aproximación teórico práctica na sala de investigación habilitada neste encontro, chamado FOSDEM (na imaxe).
O traballo, que foi desenvolvido polo equipo ó completo de alumnos do Máster, é unha análise comparativa (dende a óptica da calidade) sobre as funcións principais das distribucións GNU/Linux de meirande uso. Entre as alternativas avaliadas atopamos Ubuntu, Fedora, OpenSuse ou PCLinux, entre outras.
Segundo sinala Caixanova, as conclusións da investigación serán presentadas precisamente no FOSDEM, mañá sábado. Lembrar que este encontro é (coma o tema arredor do que xire) un encontro libre, non comercial, promovido pola comunidade de usuarios e deseñadores de recursos abertos para os propios usuarios e deseñadores de recursos abertos. Está prevista, igual que nos anos anteriores, a participación de milleiros de persoas, cada unha (practicamente) cunha experiencia que compartir.
