Os centros educativos de toda Galicia xa poden reservar praza na Aula Newton da Tecnópole
luns, 5 de setembro do 2022
A
Aula Newton Galicia (iniciativa pioneira de formación STEM só
presente, a nivel estatal e con carácter permanente, no Parque
Tecnolóxico de Galicia) vai activar un novo curso dirixido a
alumnado de 2º da ESO a 1º de Bacharelato de toda a comunidade.
Segundo informou a Tecnópole, os centros educativos de toda a
xeografía galega xa
poden reservar en liña praza na Aula, que este ano duplica a súa
oferta e pon o foco no ámbito aeroespacial. O prazo de inscrición,
que é de balde, estará aberto na súa primeira quenda, que se
celebra de outubro a decembro.
A
Aula Newton Galicia está impulsada conxuntamente pola multinacional
Boeing, a organización sen ánimo de lucro First Scandinavia, a
Xunta de Galicia e Tecnópole.
Os
participantes terán a oportunidade de iniciarse no mundo da aviación
a través do módulo Voamos con números: unha aventura aérea.
A Aula Newton pasará a contar este curso con catro simuladores de
voo -ata o de agora eran tres-, o “que permitirá que un maior
número de rapaces e rapazas gocen desta experiencia”, explicaron
fontes da Tecnópole.
Outra
das novidades desta edición da Aula Newton é que o alumnado deberá
responder a unha hipotética misión de rescate localizada en
Galicia, proposta polo Centro Integrado de Atención ás Emerxencias
de Galicia, situado na Estrada, froito da colaboración de Tecnópole
coa Axencia Galega de Emerxencias (AXEGA), a través do 112 Galicia.
“Para calcular as rutas de voo e cumprir as diferentes misións, os
participantes poranse á fronte dos simuladores de voo avanzados de
que dispón a Aula, asistidos e orientados en todo o proceso por un
equipo de instrutores cualificados”, engadiu a Tecnópole.