Os días 23 e 24 a rapazada de Ribadeo poderá formarse en tecnoloxías creativas na Aula CeMIT local
xoves, 17 de agosto do 2023
A Aula CeMIT do Concello de Ribadeo acollerá os
días 23 e 24 de agosto uns obradoiros tecnolóxicos para a rapazada.
Para participar é preciso inscribirse ata o día 22. As prazas
son limitadas e poden reservarse online en cemit.ribadeo.gal.
O 23 de agosto os obradoiros estarán destinados a nenas e nenos de 8
a 11 anos. E o 24 de agosto para rapazas e rapaces de 12 a 15 anos. O
horario será de 10 a 13 horas.
Desde a Concellería de Mocidade explican que "se
trata de impulsar actividades de mentorado desde idades temperás
dirixidas á rapazada, especialmente ás nenas, para rachar
estereotipos e espertar o seu interese e confianza nas súas
capacidades para cursar estudos STEAM (siglas de ciencia, tecnoloxía,
enxeñaría, artes e matemáticas) a través de obradoiros lúdicos,
onde aprender e experimentar coa tecnoloxía, coa finalidade
principal de fomentar o talento e espertar vocacións
tecnocientíficas".
Durante os obradoiros, o monitorado adapta os
contidos ás características de cada grupo, tendo en conta as áreas
STEAM (ciencia, tecnoloxía, enxeñaría, artes e matemáticas)
Desde Mocidade de Ribadeo engade que "o grupo
de 8-11 anos participará nun obradoiro de stop motion con
luces LED, e o grupo de 12-15 anos realizará unha actividade de
introdución aos tecidos intelixentes”. Durante os obradoiros
traballarán de xeito transversal cuestións como a igualdade, o
sentido crítico ante a tecnoloxía e o seu uso creativo, “máis
alá do mero uso e consumo, a importancia da colaboración e o
traballo en equipo, así como a relevancia das artes como ferramenta
de desenvolvemento", sinalan dende o Concello.
O
curso está organizado pola axencia AMTEGA e o Colexio Profesional de
Enxeñaría en Informática Técnica de Galicia (iniciativa Girl STEAM), co apoio do
Concello.