Os drivers de nVIDIA causan o 28,8% dos fallos en Windows Vista

venres, 28 de marzo do 2008 Marcus Fernández

Relación de fallos de Windows Vista por fabricante publicado por Ars Technica

A definición do que é un equipo compatible con Windows Vista está a causar bastante rebumbio xudicial nos EE.UU., o que levou á publicación dunha serie de documentación (dispoñible en formato PDF) que analizaron dende Ars Technica para descubrir que os controladores de tarxetas de vídeo de nVIDIA son unha das principais causas de fallos de Windows Vista, supondo o 28,8% dos casos, mentres que as tarxetas de ATI só crearon o 9,3% dos fallos.
Segundo parece nVIDIA tivo problemas para adaptar os controladores da súa arquitectura G80 a Windows Vista, o que supuxo un pesadelo para os propietarios de tarxetas de vídeo deste fabricante, rexistrando Microsoft uns 479.000 fallos por este motivo (durante un período non especificado de 2007).
Este problema deixa en evidencia que os problemas de Windows Vista están provocados en boa media por fabricantes alleos a Microsoft, que non preparan axeitadamente os seus produtos para funcionar co sistema operativo que se inclúe de serie na meirande dos ordenadores que se vende na actualidade. Por fortuna, os controladores poden actualizarse, de xeito que moitos dos fallos detectados xa están solucionados, de aí que resulte case obrigado descargar a última versión dos drivers do noso hardware con certa periodicidade.

PUBLICIDADE