Os participantes de XGN contribuíron á tradución ó galego de catro programas abertos

mércores, 19 de marzo do 2008 Fernando Sarasketa

O recinto externo (extranet) da Xuventude Galiza Net 2008 foi un ano máis un fervedoiro de actividades, probablemente máis có espazo reservado ós mozos e mozas inscritas, o que se supón que é o miolo da xuntanza. O caso é que na extranet xogouse, falouse e experimentouse arreo entre persoas de diferente nivel de coñecemento e de moi distintas idades, sendo a cuestión do software libre e das súas vantaxes para a sociedade galega unha das máis tratadas en detalle.
Como proba dese interese, os visitantes levaron unha cantidade considerable de programas abertos e en galego do stand da plataforma mancomun.org, que serviu en boa medida de base de operacións para os grupos de usuarios e deseñadores de open source da nosa terra.
Asemade, o devandito stand habilitado no recinto externo de XGN serviu de canle de cooperación cos participantes na intranet do encontro, cooperación que rematou por dar unha serie de froitos interesantes: as traducións á nosa lingua das máis de 1.500 cadeas da interface da futura versión 3.0 do OpenOffice.org (que ten o seu lanzamento previsto para outubro de 2008), de case 400 cadeas do Celestia(proxecto de código aberto do que xa falamos hai uns días), de preto de 200 do futuro navegador Firefox 3.0 e outras tantas do QDVDAuthor, que é unha ferramenta para a creación doada de DVDs.
Segundo informa mancomun.org, estes traballos poñen de relevo a boa acollida que tivo a súa mensaxe en Xuventude Galiza Net: o software libre en galego incrementa as boas opcións de acceso á Sociedade da Información, facilita o fluxo de coñecemento e tamén reforza as posibilidades de negocio das nosas empresas.