Os principais recursos de Mozilla están 100% na nosa lingua
venres, 12 de novembro do 2010

- Estado de tradución ao galego dos produtos de Mozilla
Segundo se nos fai saber dende Mancomún e dende a felizmente reactivada Chuza!, a comunidade de tradución de Mozilla segue a traballar arreo para que a nosa lingua desenvolva un papel salientable no eido da programación libre a nivel internacional. Máis polo miúdo, o dito colectivo foi quen de manter ao 100% a tradución ao galego dos principais aplicativos do selo, como Firefox, Thunderbird ou Fennec. Este inxente traballo está a ser coordinado por Enrique Estévez, alias Keko.
Segundo engade Mancomún, “dende que Estévez asumiu a coordinación do equipo de tradución de Mozilla, en abril de 2010, os resultados non se fixeron agardar”. Así, tras recibir por parte do anterior coordinador toda a información precisa para exercer a súa labor, “púxose inmediatamente mans á obra asumindo tamén a maior parte do traballo de tradución a través da ferramenta de tradución en liña fornecida por Mozilla”.
O traballo, puntualízase, non só consistiu en traducir as novas cadeas, senón tamén nunha completa revisión e homoxeneización do traducido ata entón así como a aplicación dos acordos terminolóxicos que vai acadando a Comunidade de localización ao galego, agrupada principalmente no proxecto Trasno, ao que pertencen tamén os coordinadores da tradución ao galego de proxectos como GNOME, KDE OpenOffice.org, Ubuntu, ... A este respecto, cómpre salientar que hai pouco celebraron unha xuntanza de traballo, Trasnada’’10 na que se reuniron os principais tradutores de software libre ao galego para darlle pulo aos distintos proxectos de localización que xestionan, mellorar a súa coordinación así como tomar decisións para o futuro.
