Os profesionais de Gradiant visitan este mércores o centro de educación especial de Velle, Ourense

martes, 10 de maio do 2011 Fernando Sarasketa

Imaxe da visita previa ao colexio de A Barcia en Santiago

O centro galego de investigación Gradiant prosegue co seu itinerario formativo e divulgativo polos colexios de educación especial da nosa terra. Se o outro día recalou no colexio A Barcia de Santiago de Compostela (na imaxe), este día 11, mércores, vai ser a quenda do centro público Miño, situado en Velle, Ourense. Máis polo miúdo, Gradiant visitará este emprazamento formativo para informar polo miúdo das moitas utilidades e vantaxes que presentan as novas tecnoloxías da información, moi axeitadas (por outra banda) para favorecer cuestións como a inserción laboral ou a calidade de vida das persoas con todo tipo de diversidades e características funcionais.
Esta escala de Gradiant en Miño insírese na actividade de divulgación Tecnoloxías especiais para persoas especiais. Coma no caso da Barcia, desprazarase até o CEE Miño un completo equipo de investigadores do dito centro de I+D, amais dun monitor especializado para compartir, a través de diferentes accións, as moitas posibilidades de pulo persoal e aprendizaxe que achegan as tecnoloxías da información.

PUBLICIDADE