Os televisores de Samsung recibirán contidos 4K con HDR de Rakuten Wuaki
mércores, 5 de abril do 2017
A oferta de contidos en ultra alta definición continúa a ser
moi pobre, polo que os consumidores que renovaron ultimamente o seu televisor
teñen problemas para atopar películas e series de televisión que tiren proveito
das capacidades das novas pantallas, e para atallar o problema Samsung vén de
pechar un acordo con Rakuten Wuaki para que achegue
películas e outros contidos de vídeo baixo demanda en 4K con HDR a través do
servizo TV PLUS. Con esta alianza Rakuten Wuaki converteríase no primeiro
servizo de vídeo baixo demanda en vender películas de lanzamento en 4K con HDR
en Europa.
TV PLUS botou a andar en xaneiro en Alemaña, e agora confirman que chegará a
Francia, Italia, Reino Unido e España, con contidos seleccionados para cada
territorio, e co atractivo que supón a súa integración nos Smart TV 4K de
Samsung, polo que os usuarios que teñen conectado o seu televisor a conexións
de banda larga poderán gozar dunha oferta audiovisual de grande calidade
técnica.
A oferta incluída en TV PLUS contará con filmes de estrea e películas de
acción, comedia e familiares, achegadas do catálogo de Rakuten Wuaki, como
contraposición á oferta televisiva lineal, que actualmente carece de contidos
interesantes en 4K.