Os usuarios de software libre botaranlle unha man á Coruña en materia de mobilidade limpa
venres, 29 de setembro do 2017
Xa
vai quedando menos para a segunda edición do Hackatiño
de datos abertos que organiza o vindeiro 7 de outubro o Grupo de
Programadores e Usuarios de Linux (GPUL), con sede de operacións
na Facultade de Informática da Coruña. Como dixemos recentemente, a
actividade celebrarase no centro municipal Ágora, terá formato de
xornada aberta á cidadanía e, tematicamente, xirará arredor da
mobilidade sustentábel e de até que punto as ferramentas de
software libre son “amigas” deste xeito de movernos máis
ecolóxico, eficaz e económico. O evento conta coa colaboración
das asociacións Árticos, o GDG Coruña e mailo Concello (a través
da área de Participación e Innovación Democrática que dirixe
Claudia Delso).
Segundo
nos comentan dende o GPUL, a súa intención é clara: botarlle unha
man á Coruña e aos seus cidadáns. “Queremos mellorar a
mobilidade na nosa cidade e buscamos como, a idea é aproveitar os
datos abertos para que a xente deixe o coche na casa e vexa a
necesidade de moverse dun xeito mais sustentábel”.
Segundo
informou recentemente o Concello a respecto do formato da xuntanza, o
Hackathiño é un evento que xuntará profesionais do desenvolvemento
de datos abertos, xornalistas, deseñadores e deseñadoras co
obxectivo de idear proxectos que melloren, a través de datos
abertos, un aspecto en concreto da sociedade.
Como
na anterior edición, os e as asistentes a este encontro tratarán de
aproveitar ou xerar datos en formato aberto e a tecnoloxía sen
cancelas. Estes serán publicados cunha licenza de carácter libre
que permitirá a súa reutilización para calquera uso.
Entre
as propostas concretas da cita do 7 de outubro figuran os seguintes:
debullar a información xerada polo servizo Bicicoruña para actuar,
conforme aos datos dispoñíbeis, favorecendo o uso da bicicleta nos
puntos onde máis requira; visualizar o tráfico en tempo real; crear
os alicerces dunha aplicación mobil para que os visitantes poidan
coñecer a cidade sen coller o coche, etc.