Os videoxogos e as tecnoloxías en 3D, a tope na nova edición da Pont-Up Store

luns, 30 de xullo do 2018 Fernando Sarasketa

Segue a coller impulso a quinta edición da feira Pont-Up Store, que se vai celebrar en Pontevedra á volta do verán, dando acubillo a 45 proxectos de emprendemento procedentes das múltiples facianas da innovación. Segundo informou hoxe a Universidade de Vigo, co-responsábel do evento (a través do Campus CREA) xunto co Concello, entre os sectores máis representados atópanse as novas tecnoloxías, a saúde, o turismo e a gastronomía. De partida, avaliáronse un total de 144 solicitudes recibidas, un 10% ca no ano pasado. A cita desenvólvese en Pontevedra do 20 ao 22 de setembro, coa praza de España de Pontevedra como centro de operacións.
Dos 45 proxectos elixidos, 37 disporán dun emprazamento de balde para amosar os seus produtos, ideas e servizos e seis terán a oportunidade de participar no programa de actividades demostrativas, desenvolvendo propostas coma un obradoiro de preparación de alimentos con impresión 3D, un taller de lectura con cans, un obradoiro de robótica para aprender a montar un stick arcade baseado en Raspberry PI, torneos de videoxogos, técnicas de pigmentación prehistórica, unha demostración de cociña con receitas saudábeis ou a presentación da nova cooperativa Músicas ao Vivo.
Así mesmo, 10 emprendementos participarán no Puntazo Exprés, onde terán oportunidade de explicar en cinco minutos a súa iniciativa a cinco destacadas executivas de empresas e entidades galegas: África González, directora do Centro de Investigacións Biomédicas (CINBIO) da UVigo, presidenta da Sociedade Española de Inmunoloxía e promotora da empresa NanoInmunoTech (NIT) con sedes en Vigo, Zaragoza e Madrid; Nuria Varela-Portas, xerente e fundadora da empresa de agroalimentación ecolóxica, Pazo de Vilane; María Caldeiro, xerente de FUNDAMAR; Lucía Gregorio, adxunta á dirección de REDEGAL, empresa punteira en comercio electrónico e aplicacións para iOS, Android e Windows Phone; e Teresa Fernández-Valdés, executiva de Bambú Producciones, considerada unha das mulleres máis influentes da televisión. Este ano, como novidade, as presentacións de Puntazo Exprés serán abertas ao público e haberá tempo para a réplica.
Todos os proxectos escollidos nesta edición son novos emprendementos con menos de tres anos e medio dende a creación da empresa. Entre os escollidos hai empresas como Exga3D, que deseña alimentos personalizados usando a impresión 3D e revalorizando o descarte de alimentos, destacando (tamén no negocio relacionado cos animais) Yaracan, que facilita terapias con animais; AliaDogs, unha plataforma enliña colaborativa de servizos caninos; ou Bichoh! que fabrica complementos artesáns para cans.
O sector dos videoxogos concentra catro propostas: Gaming Troop, unha asociación de xogadores con local propio; The Cloud Gaming, que xurde para impulsar e profesionalizar os deportes en liña en España; SPA-CC, que traballa xerando contornas virtuais e Alobre 3D, experta en xerar modelos 3E orientados a impresión. Dentro do ámbito tecnolóxico destacan tamén Xtonebox, que desenvolve equipos de audio de alta calidade baseándose na antiga tecnoloxía a válvulas; e Taller 7 Maker, onde fabrican prototipos con tecnoloxía 3D.

PUBLICIDADE