Panda anima aos internautas a que conten as súas experiencias dixitais máis estresantes

luns, 30 de novembro do 2009 Fernando Sarasketa

Un computador que falla é un computador que pon a proba a nosa paciencia. E máis, tendo en conta que, con arroutadas ou sen elas, dá acubillo á nosa información ou, para entendérmonos, a unha parte importante de nós mesmos. Por outra banda, tamén é certo que ao ordenador se lle esixe moito e xa non lle pasamos unha. Segundo se desprende dun informe de Panda Security, se obramos así co equipo, poñéndoo contra as cordas se funciona mal, é porque xa non é un trebello máis. Se o aspirador falla, botamos man da vasoira, pero sen as vantaxes de coñecemento persoal e laboral que achega o ordenador estaremos camiñando directos cara a un ataque de nervios. O informe tamén vai directo a pór de relevo este punto: segundo o 63% das persoas que participaron no dito estudo, as incidencias computacionais poden ser causas de estrés, máis polo miúdo “dun nivel medio-alto de nerviosismo que chega no 7% dos casos enquisados á un chanzo de absoluta desesperación”.
O informe, que sostén cos datos que achega a posta en marcha dun concurso que anima aos internautas a dar conta polo medio audiovisual das situacións máis desesperantes en materia TIC (e que inclúe premios de até 1.500 euros), enumera diferentes causas de desacougo dixital.
· A desaparición do punteiro do rato. Só o 41% dos enquisados decide tomalo con calma e empregar o teclado en substitución.
· Os fallos na conexión a Internet. O máis común, neste senso, é optar polo reinicio do router (un 58% dos internautas) ou do computador (o 30%).
· Os pantallazos azuis. Cando aparecen, unicamente algo máis da metade dos usuarios decide pararse a ler o texto de erro.
· A demora no arrinque do computador. Arredor dun 37% dos enquisados confesa entrar nun estado de desacougo que non leva a ningunha parte. A cuarta parte dos internautas lánzase a investigar as causas da lentitude.
Estes e outros problemas, sinala Panda, débense sobre todo a entrada de programas infecciosos a través de Internet ou diferentes dispositivos infectados, e prosegue a este respecto: “Segundo os nosos cálculos, un 98% do total dos computadores está infectado por algún tipo de código malicioso”.
Volvendo ao concurso co que Panda pretende reflectir estes e outros problemas, dicir que está previsto que comece hoxe mesmo (luns 30 de novembro) e finalice o xoves 7 de xaneiro ás 10.00 horas. Segundo informa a empresa de seguridade informática, esta será quen elixa entre todos os vídeos achegados ao longo deste período aqueles tres que mellor representen o desacougo que sofren os usuarios de computador.

PUBLICIDADE