Participantes do programa Argos visitan as instalacións de Tredess
venres, 15 de xaneiro do 2016
A sede da firma compostelá Tredess,
pertencente ao grupo Televés e centrada no deseño e fabricación de
sistemas de equipos de telecomunicacións (TDT) e solucións de
seguridade tecnolóxica, recibiu esta semana a visita dun equipo de
futuros expertos en innovación e novas iniciativas de mercado. Máis
polo miúdo, os participantes do programa de emprendemento Argos
xunto con membros do persoal da Área de Valorización, Transferencia
e Emprendemento da Universidade de Santiago (AVTE). A visita
serviulles para coñecer experiencias reais de creación e
desenvolvemento empresarial.
Lembrar que Argos
é unha iniciativa formativa que pretende conformar equipos
interdisciplinares aos que se fornece de asesoramento no proceso de
definición dunha idea de negocio “ademais de avaliar a súa
capacidade para chegar a constituír un proxecto empresarial
convincente”, en palabras dos seus impulsores.
Na actividade celebrada en Tredess, o grupo estivo
acompañado polo director comercial para España e Latino América,
Javier Martínez, que deu conta das fases de creación, afianzamento
e medre da empresa, ademais de explicarlles o seu funcionamento cotiá
e os retos que foron precisos superar dende a súa orixe. Na visita
tamén os emprendedores visitaron as instalacións e coñeceron as
distintas fases do proceso de fabricación e control de calidade dos
produtos.
Tredess, como recordaremos, arrancou a súa andaina en
2003 con só tres empregados, chegando o seu equipo profesional a día
de hoxe aos 35 profesionais. O 40% son enxeñeiros/as que traballan
en novos desenvolvemento no eido das telecomunicacións xunto a
equipos de investigación de diversas universidades, entre as que se
conta a de Santiago. Tredess, fíxose saber, exporta a dúas ducias
de países en todo o mundo, “supoñendo este mercado exterior o 90%
da súa facturación”.