Pedro Blanco fai un chamamento ás pemes galegas para que aproveiten as oportunidades do Kit Dixital
xoves, 31 de agosto do 2023
O
delegado
do Gobierno en Galicia, Pedro Blanco, visitou esta semana as
instalacións da empresa agroalimentaria Kalekói, en Lalín.
Blanco aproveitou a súa estadía na comarca do Deza para animar ás
pemes galegas a solicitar as axudas do novo Programa Activa
Crecemento posto en marcha polo Ministerio de Industria, Comercio e
Turismo con fondos do Plan de Recuperación do Gobierno. Este
programa, dotado con 15,9 millóns de euros, “ten como finalidade a
contratación, por parte das pequenas e medianas empresas, de
servizos de asesoramento personalizado”, dixo, ao tempo que fixo un
novo chamamento ás pemes para “que non deixen pasar a oportunidade
do Kit Dixital”.
Resepcto
do Programa Activa Crecemento, o delegado explicou que as empresas
beneficiarias poderán contratar consultoras e entidades de
acreditada experiencia para dispoñer dunha diagnose da súa
situación e activar un plan de crecemento destinado, por exemplo, a
innovación, recursos humanos, dixitalización ou mercadotecnia.
Trátase, dixo, “dunha magnífica oportunidade para seguir
avanzando na modernización e na innovación do noso tecido
empresarial facendo ás pequenas e medianas empresas máis
competitivas”. O prazo de solicitude abrirase o próximo 5 de
setembro e a convocatoria está aberta a todas as empresas con
condición de peme.
Kit
Dixital
Xunto
a estas axudas, o delegado emprazou ás empresas e persoas autónomas
de Lalín a non deixar pasar a oportunidade que supón o Kit Dixital,
un programa que promove a dixitalización dos pequenos negocios e que
na provincia de Pontevedra leva mobilizados máis de 21 millóns de
euros, con máis de 4.000 beneficiarios. O prazo de solicitude destas
axudas está aberto ata fin de ano.
Kalekoi
No
transcurso da visita ás instalacións do taller de produtos lácteos
especializado na elaboración de iogures, kéfir e leite fresco,
Pedro Blanco destacou “o exemplo que supón Kalekoi, unha pequena
empresa familiar que destaca claramente polo seu enfoque innovador e
polo seu compromiso coa sustentabilidade, a competitividade e a
máxima calidade do produto”, motivos polos que o Ministerio de
Agricultura, Pesca e Alimentación outorgoulle un accésit nos
Premios Alimentos de España 2022 na modalidade de Iniciativa
Emprendedora. O delegado quixo aproveitar a ocasión para felicitar a
esta empresa por este galardón, así como a Lácteos Anzuxao, tamén
de Lalín, que recibiu o Premio Alimentos de España 2023 na
categoría de Mellor Queixo Madurado.