Plexus abre unha delegación en Londres
luns, 18 de febreiro do 2013
- Antonio Agrasar é o conselleiro delegado da compañía
Plexus vén
de abrir unha nova oficina na capital británica, de xeito que dá continuidade
ao proceso de internacionalización iniciado o ano pasado coa apertura dunha
delegación en México D.F. A nova oficina londiniense centrará as súas
operacións nos ámbitos tecnolóxicos educativo e sanitario, dous dos sectores
nos que Plexus especializou as súas vendas ao longo dos anos.
En opinión do conselleiro delegado da compañía, Antonio Agrasar, "a internacionalización da empresa
supón, ao abrir mercados para os nosos servizos e produtos, unha garantía de
mantemento e incremento tanto do número coma da calidade dos postos de traballo
que creamos en Galicia e no resto de España".
A compañía tecnolóxica realizou o ano pasado as primeiras vendas en Panamá
e xa se encontra en negociacións para pechar outros acordos en países como
Colombia, Perú, Brasil e Uruguai, ademais doutras iniciativas en países
europeos como son Portugal, Italia e Francia. Dentro do desafío internacional
da compañía, tamén se encontra a prospección de mercados en Marrocos.