Poio acolle unha Mapping Party vindeiro 11 de abril

luns, 23 de marzo do 2015 Redacción

O vindeiro sábado 11 de abril, o Centro Xaime Illa de Raxó (no concello pontevedrés de Poio), vai acoller un encontro colectivo e aberto que xunta nun único evento a defensa do software libre e o inventariado xeográfico da nosa contorna (cartografando igual que se programa aberta e libremente). Falamos da festa Mapping Party Poio 2015, unha xuntanza cuxo obxectivo, en palabras dos seus responsables, é “pasalo ben mentres aumentamos os datos xeográficos cunha licenza libre da contorna marítima do Concello de Poio”. O obradoiro vén da man da asociación de software libre XeoPesca e conta coa colaboración da Concellería de Cultura do Concello de Poio e as asociacións SCD Raxó e ACDeM Armadiña.
O programa de actividades comeza ás 10.00 horas, coa presentación do proxecto libre OpenStreetMap e a organización dos equipos para as zonas a cartografar. Ás 11.00 horas, está previsto que arranque o traballo de campo, con explicacións de como empregar osmAndroid. Logo do xantar, traballarase coas computadoras para o verquido da información recollida e xuntada no OSM. A clausura da actividade celebrarase entre as 20 e as 20.30 horas.
As persoas interesadas en participar deberán formalizar a inscrición no documento específico do evento. O número de asistentes será de 25 e a escolma de candidatos levarase a cabo por orde de inscrición. Recoméndase aos participantes que acudan cos seguintes dispositivos: GPS, teléfono con GPS e cámara dixital. Podemos seguir o evento través de Twitter mediante a etiqueta #mappingpartypoio ou na páxina de Facebook de XeoPesca.