Política Lingüística presenta nova bibliografía informatizada da lingua galega

venres, 30 de maio do 2008 Raquel Noya

Francisco Gondar, Marisol López, Elvira Fidalgo e Alba Vidal durante a presentación do manual Aula de galego 1

A secretaria xeral de Política Lingüística, Marisol López, vén de presentar, xuntos cos responsables dos proxectos do Centro Ramón Piñeiro, varias publicacións novas (en papel e en dixital) para a Investigación en Humanidades que se enmarcan no Proxecto para a avaliación e aprendizaxe de galego do devandito centro.
Trátase do manual Aula de galego 1, o primeiro material de aprendizaxe da lingua galega baseado nun enfoque comunicativo e no ensino de linguas mediante tarefas que se adapta ó Marco europeo común de referencia para as linguas no nivel A2.
Asemade, dentro deste mesmo proxecto, elaborouse o Glosario de termos para a avaliación, unha ferramenta que facilita o traballo en galego dos docentes e investigadores que avalían o coñecemento de linguas.

Cadernos da Bilega
Política Lingüística tamén vén de inaugurar a serie Cadernos da Bilega, unha ferramenta creada para dar acollida a monografías que ofrezan información bibliográfica actualizada sobre a lingua galega. Esta información procede do banco de datos Bilega: Bibliografía informatizada da lingua galega, que o Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades puxo na Rede en 1998, como recurso en liña que se actualiza de xeito permanente.
A publicación presentada hoxe está constituída por 803 entradas organizadas tematicamente, que corresponden á produción bibliográfica sobre o idioma galego tanto en formato impreso como dixital dende o ano da súa creación.

Cadernos de fraseoloxía galega
Por último, Alba Vidal deu conta da novena entrega dos Cadernos de fraseoloxía galega, que inclúe estudos taxonómicos ou fraseolóxicos de tradición galega. Esta peculiar revista científica reúne os requisitos que debe cumprir calquera publicación deste tipo cumprindo asemade unha importante labor de difusión internacional da lingua galega, na que está integramente escrita.

PUBLICIDADE