Presentación da nova versión de Trisquel Edu

venres, 12 de decembro do 2008 Marcus Fernández

Escritorio de Trisquel GNU/Linux

O vindeiro martes na Aula Magna do Mosteiro de San Martín Pinario (Santiago de Compostela) ás 18:30 horas terá lugar o acto de presentación da nova versión do sistema operativo para centros educativos Trisquel GNU/Linux, repartíndose copias do programa e facéndose un chamamento de axuda á comunidade docente, para colaborar na inclusión de paquetes de software libre de carácter educativo. No acto tamén participarán a Universidade de Vigo, o Colexio Juniors, Mancomún e esta publicación.
O Trisquel GNU/Linux é un sistema operativo libre, en galego, español, catalán, éuscaro e inglés, que conta con edicións para fogar, PEME e escola, sendo esta última á que se lle dá máis importancia desta volta, e da que xa se publicou cunha release candidate o pasado mes de setembro. Trisquel Edu inclúe todo o preciso para montar aulas para alumnos de calquera idade e ten ferramentas específicas para a xestión de usuarios, control de aula, encerado dixital, clientes lixeiros e outras aplicacións que fan doada a súa administración e permiten mellorar a produtividade dos docentes.