Preséntanse en Mondariz as posibilidades de transformación dixital de SmartPEME
xoves, 30 de marzo do 2017
O programa
SmartPEME, a iniciativa da Deputación de Pontevedra para encher
a provincia (dende os centros de operacións SmartPEME de Porriño,
Cambados, Pontevedra, Lalín, Ponteareas e Vigo) de accións
formativas TIC ao servizo do tecido produtivo dos concellos,
presentouse
este mércores en Mondariz. No acto participou o deputado de
Innovación e Promoción Económica, Javier Dios, e tamén
representantes do sector empresarial (autónomos, PEME,
emprendedores, profesionais) do devandito concello pontevedrés e das
comarcas do Condado e da Paradanta. Javier Dios lembroulles que a
través de SmartPEME teñen ao seu dispor todo tipo de actividades e
servizos tecnolóxico-dixitais para mellorar a súa actividade
diaria, dende obradoiros sobre ferramentas para favorecer a promoción
até recursos para optimizar a comunicación con clientes e mailas
vendas. A xornada tivo lugar na Biblioteca de Mondariz e tamén
contou coa asistencia do seu alcalde, Xoán Carlos Bugarín.
Segundo informou Dios nun plano máis detallado, o
proxecto SmartPEME é “un novo modelo de servizo orientado á
potenciación do desenvolvemento económico da provincia de
Pontevedra, que busca a mellora competitiva das PEME e persoas
emprendedoras e autónomas e unha meirande optimización nas vendas,
na eficacia e na eficiencia das súas tarefas, a través do mellor
aproveitamento das Tecnoloxías da Información e da Comunicación”.
Igualmente, lembrou que dende a súa creación (tendo como orixe a
arela do actual Goberno da Deputación de facer “máis útil,
axustada, integradora e participativa” a antiga rede CPAE 2.0),
SmartPEME abriuse a novos eidos de actuación e abrangueu “novos
grupos de interese”, como son os e as emprendedoras, as asociacións
empresariais e os axentes de dinamización en concellos.
O deputado provincial Javier Dios tamén asegurou
que SmartPEME é unha rede de asesores e asesoras cualificadas nas
TIC, “que se poñen á disposición do noso tecido empresarial para
fornecer servizos de información e asesoramento presencial e
personalizado de maneira totalmente gratuíta”.
Javier Dios, ademais, recordou aos asistentes ao
acto desenvolvido na Biblioteca de Mondariz que “terán a
posibilidade, hoxe mesmo, de recibir un asesoramento personalizado do
persoal técnico do proxecto SmartPEME da institución provincial”.
Este asesoramento e este apoio, sinalou, baséase en piares como “a
incorporación dunha estratexia personalizada para cada caso
individual, ademais da especialización de cada unha das oficinas
segundo os sectores máis implantados no tecido empresarial de cada
territorio”. Con todo, tamén fixo saber que os asesores e asesoras
do programa da Deputación tamén fornecen estes servizos a todas as
persoas que acudan a outra das oficinas nas que esa área concreta
non sexa a súa especialidade, establecendo polo tanto un servizo
centralizado e en constante contacto entre os diversos puntos e
oficinas da rede.
Dios engadiu que a oficina de referencia para as
comarcas do Condado e A Paradanta atópase en Ponteareas, no Centro
de Desenvolvemento Local, e que en toda a rede SmartPEME no seu
conxunto estanse achegando obradoiros temáticos adaptados ás
necesidades das empresas, eventos de networking,
colaboración con asociacións e promoción de alianzas
institucionais, especialización sectorial en función das
necesidades das áreas de influencia, kits de asesoramento en novas
tecnoloxías a persoas emprendedoras, identificación e difusión das
necesidades TIC aos provedores de solucións para as pequenas e
medianas empresas e carteiras de servizos de asesoramento.