Primux achega un portátil 360º que se converte en tableta
martes, 1 de marzo do 2016
Mentres aínda
se deixa ver a pegada no mercado do Notebook 1401, en palabras do
fabricante “o primeiro notebook deseñado en España”, a
empresa galega Primux recunca cun novo e revolucionario trebello
tecnolóxico con capacidade transformer. Falamos do Tour
1101, un portátil deseñado e desenvolvido pola compañía
emprazada en Ourense dende o seu centro de I+D (emprazado na
Tecnópole) e que, en virtude da súa pantalla táctil e xiratoria
(360 graos) é quen de converterse en tableta. Para dar forma a este
novo trebello, Primux integrou o sistema operativo Windows 10 e un
procesador AtomTM de Intel.
Segundo a compañía,
trátase dun aparello especialmente axeitado para estudantes, para
quen traballa mentres viaxa ou para uso doméstico. Sobre todo grazas
ao seu miúdo tamaño (menos de 30 x 20 cm), a súa pantalla de 11,6
polgadas e un peso que non chega aos 1.500 gramos.
Primux tamén
salientou que a súa pantalla táctil ten 10 puntos de “capacitiva”
e resolución High Definition (HD). Ademais, permite o uso dun rato
USB, xa que ten un porto 2.0 e outro 3.0. A súa memoria interna é
de 32 GB. Engádese a opción de usar cartóns microSD de até 64 GB.
Por outra banda, inclúe
conexión Wi-Fi e Bluetooth 4.0. Tamén integra un porto mini HDMI co
que se pode conectar con televisores, cámaras ou monitores e tanto o
teclado como o touchpad poden activarse e desactivarse cun
botón lateral on/off. Salientar tamén a súa batería de 10.000
mAh, que ofrece unha autonomía de até 8 horas. Tamén integra unha
cámara de 0,3 Mpx. O Tour 1101 está xa dispoñíble en tendas de
varios puntos de España e a través da tenda
en liña de Primux, cun prezo suxerido de venda de 269 euros.