Capítulo Cero achega propostas para comezar o ano impulsando a nosa cultura nas redes
mércores, 2 de xaneiro do 2013
- Xente facendo causa común arredor da cultura galega na pasada edición do salón Culturgal, en Pontevedra
Falar de cultura e das redes, nas condicións
ideais, sería como falar de coñecemento e identidade ante grandes
auditorios. Ou sexa, concertos con máis público, libros con máis
lectores e linguas con máis usuarios. A relación entre unha cousa e
outra, esta causa (cultura) e efecto (futuro) pola vía das redes,
puidémola ver axeitadamente feita corpo na pasada edición de
Culturgal, cuxos organizadores seguen a insistir en que a mesa da
cultura non se vai seguir sostendo se polo menos unha das patas non é
dixital. Algo disto hai na carta que lle envía ao mundo o noso
compañeiro Manuel Gago dende o seu blog, Capítulo
Cero, que pecha capítulo (2012) para abrir outro (2013),
facendo unha proclama a prol da dixitalización e do uso do galego en
tódolos eidos do coñecemento, coma algo natural. Coma respirar.
Ao seu xuízo, o ano que comeza ben pode ser de
reflexión, pero estaría mellor que fose máis de acción. E máis
se temos en conta que os debates que se teñen xerado arredor da
necesidade de coller a Rede polas rendas, como pobo con identidade
propia, é posíbel que nos leven unha vez tras outra á mesma beira
común, xeolocalizada polo miúdo, cada un coas súas propostas
diferentes pero compartindo chan. O tecido cultural actívase,
cóntanos o blogueiro, dende cada quen. Non hai que buscar xente que
faga por nós labores como reforzar a conexión co público galego
potencialmente receptor de libros na súa lingua (conexión que
semella debilitarse cada pouco) ou afianzar a presenza do idioma
propio en materia de creación e divulgación científica.
Asemade, é tarefa de cada un sacar á cultura da
casa, agora que sen lugar a dúbidas “púxose guapa con
Internet”. A xuízo do autor, hai unha chea de recursos que
semella específicos para impulsar a creación galega e evitar que se
sigan creando pequenos grupos de diálogo sen influencia nin
comunicación coa contorna. Así nolo conta, palabras textuais, e
cada quen tome o seu apuntamento: “É o momento de aproveitar a
Rede para facer visible moito contido morto, metido en
alcanfor, en inanes e esquencidas publicacións locais ou
sectoriais.A próxima vez que un coñecido teu, activista cultural,
te bote a chorada de que unha deputación ou un concello non lle paga
a edición do seu libro de refráns da comarca de Cuspedriños, dille
que se non a fai pública é simplemente porque non quer. E axúdalle
a organizar o acto de presentación do web no concello ou nun local
social de prestixio, claro que si. Os eventos sociais son unha
magnífica recompensa para o traballo desagradecido e altruísta de
moitos grandes investigadores do pequeno. Pero que deixe de chorar e
suba ese condenado PDF! :-) Temos que crear clubes de dixitalización
voluntaria do contido. En patrimoniogalego.net comezamos hai pouco e
chegaremos aos 3000 bens catalogados en breves meses. Claro que é
posible!”.