Publicado GNOME 3.6 cen por cen traducido ao galego

xoves, 27 de setembro do 2012 Redacción

Fran Diéguez, coordinador do grupo de tradución de GNOME ao galego, vén de pórnos ao tanto da localización á nosa lingua da versión 3.6 do devandito ambiente de escritorio, incluíndose a interface cen por cen traducida e, como gran novidade a salientar, achegándose a documentación de usuario base galeguizada na súa totalidade. Con todo, as boas novas non rematan aí, xa que o devandito acompáñase da posta en marcha oficial da nova web do grupo, gnome.gl, onde podemos obter máis datos sobre este colectivo de usuarios/desenvolvedores e todo o traballo que desenvolve.
Volvendo á tradución da versión 3.6, dicir que foi froito de seis meses de intenso labor por parte dos integrantes do Proxecto GNOME, co fin de obter a mellor translación posible do programa e de complementalo todo, como dixemos, coa documentación base traducida á nosa lingua. “Desta forma”, comenta o grupo, “complétase a experiencia de GNOME en galego por tódolos recunchos”, incluída a fonte de resolución de dúbidas, que tamén está na nosa lingua.
Por certo que dende a última versión, a 3.4, aproximadamente 980 persoas fixeron 31.500 cambios a GNOME, das cales preto de 700 son contribucións do grupo de tradución de galego. Isto non significa que estea pechada a participación senón todo o contrario: “Calquera pode involucrarse en GNOME para axudarnos a mellorar o noso software”, comentan. Esta arela de botar unha man canalízase na propia páxina web de GNOME.
Que hai de novo en GNOME 3.6
Segundo nos conta Fran Diéguez, GNOME 3.6 vén completo de melloras na interface de usuario. Conta cun gran número de novas funcionalidades, incluíndo a renovada Vista xeral de Actividades, así como melloras na compatibilidade da Accesibilidade e a integración de orixes de entrada para usar diferentes idiomas. Tamén incorpora outras pequenas melloras. Entre as melloras pódense salientar as seguintes:
· Bloqueo da pantalla: a nova pantalla de bloqueo “é simplemente incrible”, infórmase. Desde ela pódese ver o que está pasando dentro do noso computador: ver o número de mensaxes pendentes, deter a música, saltar cancións…
· Vista xeral de actividades: a vista xeral de actividades recolleu moitas melloras de interacción, facéndoa máis centrada no que o usuario quere.
· Novos servizos de contas en liña: engadíronse novos servizos para integrar co noso escritorio. Posibilidade de configuración automática de Windows Live, o que inclúe correo e documentos de SkyDrive o que lle permite acceder aos documentos deste servizo mediante Documentos como xa viña facéndoo coa súa conta de Google. Ademais integrouse o servizo de autenticación centralizada Kerberos, “moi útil para ambientes corporativos (como grandes empresas ou universidades)”, engádese.
· Nova bandexa de mensaxes: segundo os comentarios e os problemas que remitiron os usuarios, redefiniuse a interacción coa bandexa de mensaxes agora máis intelixente e cun novo xeito de amosala.
· Acceso universal: agora a accesibilidade está activada por omisión co que as persoas con calquera deficiencia poderán empregar o seu computador desde o minuto un.
Para vermos un listaxe máis detallada das novidades de GNOME están dispoñibles as anotacións de publicación (tamén en galego),
Novidades na tradución ao galego
· Revisión completa dos aplicativos de GNOME. Segundo nos conta o propio Fran, “cómpre darlle as grazas a Leandro Regueiro que armado de paciencia, teimosía e boas ferramentas revisou unha revisión completa e profunda dos principais aplicativos de GNOME en galego; desta forma GNOME agora cumpre cos últimos acordos de terminoloxía publicados pola Asociación Proxecto Trasno Foron máis de 3 semanas revisando de forma altruísta o noso ambiente de escritorio”.
· Tradución da documentación base: logo de varios meses de traballo, Fran Diéguez traduciu a documentación base formadas por máis de 65000 palabras para traducir. Polo que agora os usuarios do ambiente de escritorio poderán consultar a axuda no idioma galego.