PuntoGal e a RAG entregan os premios do IV Concurso de microrrelatos
luns, 28 de xuño do 2021
A
Real Academia Galega e PuntoGal entregaron
esta mañá os premios do IV Concurso de microrrelatos que ambas as institución
convocan conxuntamente co propósito de reforzar a presenza da lingua e da
identidade propias na Rede. As persoas gañadoras nas tres categorías –infantil,
xuvenil e adultos–, de entre 8 e 35 anos, leron no salón de actos da Academia
cadansúa historia, nove contos que suman menos de 1.200 palabras, pero de
abondo para amosar o talento literario e demostrar tamén que as novas xeracións
non permanecen caladas ante o sexismo, a transfobia, a homofobia ou a desfeita
ambiental. Os presidentes da RAG e de PuntoGal, Víctor F. Freixanes e Manuel
González González, entregaron os galardóns acompañados doutros membros dos dous
xurados encargados de avaliar os preto de 1.600 relatos de ata 200 palabras que
concorreron á última edición do certame, máis do dobre ca na anterior.
Os
contos premiados poden lerse nunha publicación
dixital dispoñible na páxina web do concurso. A gañadora do primeiro premio
na modalidade de adultos é Paloma de Toro (Ourense, 1985) con “Non te gastes”,
Luca Chao (Lugo, 1988) mereceu o segundo con “Aves de paso” e María Cabaleiro
Alfaya (Tui, 1993), o terceiro con “Sara”. Alba Guzmán Falcón (Ourense, 2003)
fíxose, con “Bolboreta”, co primeiro premio da modalidade xuvenil, na que
Nayara Alonso Barredo (Salceda de Caselas, 2004) foi recoñecida co segundo por
“Ela” e Lucía Álvarez Puga (Vigo, 2004), co terceiro por “A choiva”. Álex
Gallego Couñago (Arcade; 2010) foi galardoado co primeiro premio de infantil
(ata 11 anos) con “Saíndo do túnel” e Niara Cabrerizo Collazo (Moaña; 2013 e
Carmen Mendaña Vázquez (Santiago de Compostela, 2011), co segundo e o terceiro,
respectivamente, por “Unha mala noite” e “Papá”. As persoas gañadoras recibirán
distintos premios tecnolóxicos –ordenadores, consolas, lectores electrónicos- e
relacionados coa lectura.
As
súas historias son exemplo do crecente éxito do concurso, tanto polo número de
textos presentados como pola calidade de moitos deles, destacan os presidentes
da RAG e PuntoGal. “Esta é xa unha iniciativa de referencia na que participa
xente de todo tipo que sente que ten algo que dicir, e que quere facer chegar a
súa mensaxe ao público en galego: dende nenos e nenas de primaria ata as
persoas de máis idade, afeccionados e mesmo escritores profesionais unidos pola
mesma paixón de contar historias, unha afección estreitamente relacionada coa
da lectura e que, neste novo século, agranda o seu alcance a través da Rede”,
expresa o presidente da Real Academia Galega.
“A
participación tan numerosa de concursantes de todas as idades estase
convertendo nun estímulo para a escritura en galego, e nunha vía para que
moitos galegos e galegas traten de expresar de maneira literaria as súas
ilusións, pero sobre todo as preocupacións, os problemas e as frustracións que
están deixando pegada na súa vida. E neste sentido, os microrrelatos non deixan
de ser un espello bastante fiel do que está ocorrendo na sociedade",
engade Manuel González.
Víctor
F. Freixanes e Manuel González participaron no xurado da categoría de adultos
xunto á académica Chus Pato, o director xeral de PuntoGal, Darío Janeiro, e Alba
Tomé, en representación da revista Luzes, que colabora no concurso. Os relatos
presentados nas categorías xuvenil e infantil foron avaliados polos académicos
correspondentes Xavier Senín e Helena Villar Janeiro; a secretaria de PuntoGal,
Edita de Lorenzo; Cristina Ríos, membro do equipo de PuntoGal Edita de Lorenzo;
e mais o xornalista Lois Alcayde, do comité de redacción de Luzes.