PuntoGal participa no Día das Rapazas nas TIC
luns, 25 de abril do 2022
O Día Internacional das Rapazas nas TIC celebrarase o
vindeiro 28 de abril nun acto organizado polo CESGA e a Secretaría Xeral de
Igualdade da Xunta de Galicia, a través dunha multiconferencia web. A
celebración deste día ten como obxectivo alentar as vocacións tecnolóxicas nas
rapazas e nenas para que as consideren no seu desenvolvemento académico,
investigador e profesional. PuntoGal
participa deste evento como vén facendo nos últimos catro anos, pola súa
implicación na difusión das carreiras tecnolóxicas das rapazas no sector TIC
dentro de Galicia.
As relatoras deste ano son unhas referentes das TIC galegas,
destacando a participación da secretaria de PuntoGal, Edita de Lorenzo, profesora
titular do Departamento de Teoría da Sinal e Comunicacións da UVigo. Foi a
primeira directora dunha escola de enxeñaría de Galicia, a de Telecomunicación
da UVigo. Outra das relatoras é Laura Martínez Calvo, licenciada en Farmacia
pola USC, Máster en Investigación Biomédica e doutora en Medicina Molecular cun
traballo sobre técnicas xeoestatísticas no estudo de enfermidades complexas,
Dhaunae de Vir que traballa como desenvolvedora de negocio de proxectos
transmedia para unha empresa de videoxogos, Paradox Interactive e Lucía Ardao, licenciada
en Informática con mestrado en Telemática pola Universidade da Coruña, programa
de Alta Dirección AMP da IE Business e programa Executiva da Xunta de Galicia.
Todas aquelas persoas que queiran participar, poderán inscribirse no formulario da web
do CESGA, onde tamén se pode atopar máis información sobre o acto e as
participantes.