Queres amosará en Santiago o potencial da ferramenta libre Ephesoft na captura intelixente de documentos
xoves, 16 de maio do 2013
O software libre non ten límite. Son innumerables
as actividades de difusión e promoción que se están a levar a cabo
na nosa terra, ben sexa a nivel xenérico (vantaxes da programación
aberta en calquera eido de actividade), ben sexa a nivel concreto de
dar a coñecer algunha ferramenta ou servizo. Neste último eido é
onde se insire unha nova actividade a apuntar na nosa axenda: a
xornada demostradora de Queres Tecnoloxías para dar a coñecer o
servizo de captura intelixente de documentos con software libre,
Ephesoft. A finalidade do evento é amosar aos asistentes a que
sería a primeira solución de código aberto para a dixitalización
e captura intelixente de documentación e a súa integración co
sistema de xestión Alfresco.
Segundo
informa Mancomún, Queres é socia de ámbolos dous produtos
produtos, Alfresco e Ephesoft. A xornada dará comezo cun achegamento
ao significado do concepto de “captura intelixente de
documentos”. Segundo avanza a empresa, este proceso é algo
máis ca un simple escaneado ou transformación de material escrito
ou gráfico en formatos dixitais. O que se pretende, con esta
metodoloxía, é engadir a capacidade de extracción de datos e
clasificación automática dos documentos para poñelos a disposición
doutros sistemas de información da empresa. A xuízo de Queres,
estamos a falar dun tipo de traballo de especial importancia para
calquera calquera empresa ou administración, afeitas como están
todas elas (en maior ou menor medida) a xestionar e manexar
importantes cantidades de datos, non sempre dixitais, co obxectivo de
rexistralos e acubillalos ao abeiro de novos formatos. Polo tanto, de
haber solucións efectivas que permitan unha axilización importante
deste traballo, que ademais sexan programas abertos e que acheguen
medidas reais de seguridade, serían acollidas cos brazos abertos.
Cara a isto diríxese precisamente Ephesoft,
que é unha solución de baixo custe que elimina os custes baseados
no número de follas. “Son
moitas as compañías que están a migrar a un contorno completo
composto por OCR,
clasificación
de documentos e extracción
de campos en documentos non estruturados”,
informa Queres. Durante esta xornada demostradora, revisarase a
última versión de Ephesoft, a súa integración con Alfresco
para almacenar a documentación. Tamén haberá demostracións
prácticas de casos de uso reais amosando como é o proceso de
captura e extracción de información das facturas dos provedores e a
captura de documentación do empregado. Durante a xornada
participarán tamén expertos nacionais e internacionais en Ephesoft
e Alfresco.
