Queres presenta un módulo para o recoñecemento de códigos de barras e QR
luns, 13 de xullo do 2015
A empresa
galega Queres está a presentar este mes de xullo o módulo Buho,
integrado na plataforma de xestión Alfresco e destinado a mellorar
os nosos procesos de dixitalización de documentos físicos. O módulo
extrae información dos códigos de barras ou códigos QR de arquivos
escaneados e incorpora a información contida dos mesmos (metadatos
do documento) en Alfresco. Segundo engade Queres, a orixe do programa
está na constatación dunha eiva: até o de agora, os procesos de
dixitalización dispoñíbeis tiñan como característica común a
súa baixa eficiencia, sobre todo cando os arquivos a tratar amosan
un número reducido de follas.
Deste xeito, os escáneres pódense configurar para
que se cree un PDF por folla ou por lote, “o que obriga a
dixitalizar por lotes miúdos, desaproveitando a capacidade da
bandexa do escáner, ou a tratar de xeito manual o resultado do
proceso de conversión para separar os documentos”, explican dende
Queres, engadindo que o novo módulo de Alfresco é quen de
automatizar o proceso de separación. Para isto, identifica os
códigos de barra que conteñan as follas que integran o lote, e en
base a un código que se define como separador, xéranse os
documentos individuais que están acubillados dentro do feixe.
O módulo, a xeito de valor extra, tamén posibilita
ligar información a cada documento, interpretando os códigos que
conteñan as follas do mesmo en base a unha configuración previa.
“Isto”, explican dende a firma galega, “permite automatizar a
separación e tamén facilitar o enchido automático de datos ou a
automatización de fluxos de traballo”.
O programa-ferramenta é integrábel no xestor
documental Alfresco aínda que tamén está dispoñíbel como servizo
web independente que se pode integrar noutros sistemas de
almacenamento. Con este proxecto, conclúen dende a empresa galega de
software libre, “Queres achega todo o seu coñecemento e
experiencia para desenvolver unha solución que impulse a xestión
documental eficiente, mellorando a produtividade”.