R leva redes ultrarrápidas aos parques empresariais de Boqueixón e Teixeiro

mércores, 12 de decembro do 2018 Fernando Sarasketa

O polígono de Boqueixón nunha imaxe de GM para El Correo Gallego

Continúan os fornecementos tecnolóxicos do Plan de Banda Larga da Xunta, do que a firma R é adxudicataria, destinados a implantar redes ultrarrápidas nos polígonos que non dispoñen delas. Entre as contornas industriais onde se veñen de estrear este mes de novembro os novos equipamentos de FTTH (Fiber To The Home) figuran os parques empresariais de Boqueixón e Teixeiro, os dous na provincia da Coruña, o que implica que unha vintena de empresas das ditas contornas industriais dispoñen xa de acceso a Internet con velocidades de até 350 Mpbs.
Segundo informa R, estas mesmas tecnoloxías chegaron tamén (previamente) a unha ducia de superficies empresariais coruñesas: os recintos empresariais de Arzúa, Betanzos, Coirós, Culleredo, A Laracha, Malpica de Bergantiños, Melide, Narón, Oleiros, Ordes, Oroso, Padrón (A Picusa, A Picaraña e Cortizo), A Pobra do Caramiñal, Ponteceso, As Pontes de García Rodríguez (Penapurreira e Cruz das Cabezas), Rianxo, Sada, Santa Comba, Vimianzo, Noia, Cerceda, As Somozas e Muros. Todos eles están xa conectados a redes ultrarrápidas de Internet, de xeito que son 28 os polígonos coruñeses beneficiados polo Plan dende que comezaron as actuacións en 2016.
A operadora R tamén lembra que os polígonos acabados de de beneficiar poden contratar servizos de Internet a través de fibra óptica cunhas velocidades de até 350 Mbps de baixada e 35 de suba, e cunha garantía de caudal do 80% sen límite de descargas.
R recordou tamén que, en virtude dos ditos equipamentos, pon a disposición das empresas dos polígonos “a tecnoloxía precisa para acometer a súa transformación dixital”. Ou sexa, servizos e solucións na nube como por exemplo a videoconferencia, o acceso á Internet das Cousas (IoT) ou os procedementos do que se coñece como Industria 4.0, vencellados a conceptos e metodoloxías como a eficiencia enerxética, o control de intrusións nas edificacións, os servidores virtuais e a analítica de datos (Big Data), entre outros eidos. “Todas estas cousas e outras moitas máis”, explicou a compañía de raizame galega, “son posíbeis grazas ás vantaxes das redes FTTH (Fiber To The Home) que levan a fibra óptica ata a propia empresa nestes polígonos xa conectados ás redes ultrarrápidas de R”.
Prazos e orzamento
O Plan xa completou o despregue en 81 polígonos da Comunidade. En conclusión, en 2018 un total de 130 polígonos (concentrando case o 93% da superficie empresarial ocupada) disporán de acceso a redes de máis de 100 Mpbs. Estes despregues supoñen un investimento total de 5,2 millóns de euros, dos que 3,4 son subvencionados pola AMTEGA e co-financiados ao 75% polo Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (FEADER) no marco do Plan de Desenvolvemento Rural de Galicia 2014-2020 (PDR).

PUBLICIDADE