R levará a súa fibra óptica a 5.800 fogares e empresas de Noia

martes, 29 de xullo do 2008 Fernando Sarasketa

Quen pasara por Noia estes días saberá do que imos falar: do despregue da fibra óptica do operador galego R. Os traballos, que obrigaron durante semanas a desviar certo volume de tráfico procedente de Santiago (achegando algún que outro embotellamento extra), semella que van chegando a bo porto. Segundo informa a empresa de telecomunicacións, van ser 4,2 millóns de euros os que se invistan nesta tarefa de equipamento en concreto de fibra óptica, infraestrutura que estará (probablemente en novembro) ao alcance de 5.800 fogares e empresas do concello. O proxecto, que foi presentado polo miúdo esta mañá polo propio alcalde de Noia, Rafael García Guerrero e máis polo conselleiro delegado de R, Arturo Dopico, achega arestora servizos dixitais a uns 300 fogares e empresas de Noia, concretamente da zona de Virxe do Mar.
En breve agárdase que a cifra medre un bo cacho: até os devanditos 5.800 clientes potenciais. Sinalar que este servizo de fibra óptica, como nos outros concellos que xa forman parte da rede de R, levará servizos integrados de teléfono, internet de alta velocidade, televisión dixital e móbil. “Arestora”, informa a operadora, “estanse a executar as obras na avenida de Galicia e agárdase que estas continúen tralo verán no Malecón e nas rúas Porta da Vila, Escultor e Ferreiro”. O proxecto inclúe o equipamento de case nove quilómetros de obra civil e máis de cinco quilómetros de fibra.
Na imaxe, un rúa do centro de Noia vista no caderno de Molineli.

PUBLICIDADE