Retiran unha aplicación que facilitaba ver YouTube en Vision Pro
mércores, 2 de outubro do 2024
Aínda que no mes de febreiro dende YouTube aseguraban que tiñan previsto desenvolver unha aplicación da súa plataforma de vídeo para as Vision Pro de Apple, polo momento só é posible acceder a YouTube dende o visor de realidade estendida a través do navegador web Safari, o que levou á creación da aplicación chamada Juno, que basicamente adaptaba a interface de YouTube para facilitar o seu uso en visionOS e permitindo incluso a visualización de vídeos envolventes (en 360 e 180 graos).
Curiosamente Juno non é unha aplicación nativa que fai chamadas á API de YouTube para acceder aos seus contidos, senón que na práctica vén a ser unha especie de navegador web trucado para mudar a aparencia de YouTube en Vision Pro, de xeito que nin sequera bloquea a publicidade, polo que consideraban que non violentaba as normas de YouTube, criterio non compartido por Google, que reclamou ante Apple pola aplicación, levando á súa eliminación da App Store, segundo confirmou o creador da aplicación, Christian Selig.
Queda por ver se esta medida anticipa o lanzamento dunha aplicación oficial de YouTube para Vision Pro ou seguiremos a ver como a plataforma de realidade estendida é ignorada polas plataformas audiovisuais ante o seu reducido número de usuarios (e tempo de uso).