Sae o GIMP 2.6 traducido totalmente ao galego

venres, 3 de outubro do 2008 Marcus Fernández

Dende Mancomún informa de que a aplicación de retoque fotográfico GIMP chegou á versión 2.6, que non só incorpora interesantes novidades senón que tamén está traducida totalmente ao galego. Lembremos que o GIMP é un programa comparable ao Photoshop, pero aberto, coas vantaxes que iso supón (é de balde e está dispoñible para múltiples plataformas, coma Windows, Linux, Mac OS X e outros sistemas operativos).
O GIMP 2.6 é unha actualización importante da aplicación dende o punto de vista do seu desenvolvemento, pois integra GEGL (unha biblioteca de procesado de imaxes baseada en gráficos que permite unha edición precisa non destructiva). Os usuarios pola súa banda percibirán a desaparición da barra de menús como barra independente (pois se integra na fiestra da imaxe que estamos editando, mantendo máis organizado o escritorio do noso equipo).